O Concello de Cerceda, no marco do seu plan de mellora de infraestruturas municipais, continúa a impulsar diversas actuacións na parroquia de Meirama co obxectivo de reforzar os servizos e equipamentos dispoñibles para a veciñanza. O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, visitou os traballos en curso acompañado pola tenente de alcalde, Catrina Queijo, e polo concelleiro de Medio Rural, Ángel Gestal.
Unha das intervencións máis destacadas está a desenvolverse na antiga escola unitaria da parroquia, onde se está a executar un proxecto de mellora de eficiencia enerxética para acondicionar o local social. As actuacións inclúen a substitución da cuberta por tella nova, a colocación de illamento térmico exterior, a instalación dunha bomba de calor aire-aire, a renovación da iluminación mediante tecnoloxía LED e a implantación dun sistema de monitorización do consumo eléctrico.
O investimento nesta obra ascende a 65.536,41 euros que redundarán nun beneficio social. O rexedor destacou que “vai mellorar o confort das persoas que empregan o espazo” e que se trata “dun lugar que aglutina moita actividade a nivel social, que dinamiza a parroquia, polo que no rural é fundamental darlle ese impulso”.
Por outra banda, Meirama contará proximamente cunha nova estación depuradora de augas residuais. A infraestrutura de tratamento atópase xa finalizada, á espera da súa conexión á rede eléctrica. Esta actuación supuxo un investimento próximo aos 190.000 euros, nun contrato que inclúe tamén, de forma complementaria, a execución dunha canalización de saneamento na zona de Ribasoutas, na parroquia de Cerceda.
Ademais, os representantes do goberno municipal comprobaron o estado do estacionamento da igrexa, que xa se levaba empregando de xeito funcional os últimos anos e que agora será foco dunha segunda fase de actuación. A mellora, desenvolvida ao abeiro dun convenio co Arcebispado, incluirá a humanización do espazo mediante a creación dunha zona axardinada con árbores e mobiliario urbano. Está previsto que os traballos comecen en breve.
Sobre este proxecto, Juan Manuel Rodríguez indicou que, “aínda que se estaba empregando de maneira provisional, existía unha necesidade de mellora e un potencial que imos facer realidade con esta intervención”. Así mesmo, remarcou a mellora na mobilidade peonil coa senda executada ao comezo do mandato, en 2023.
O alcalde destacou o conxunto destas actuacións, que cualificou de “importantes”, e asegurou que “non irán enfrontadas con outras obras ou actuacións que estamos planificando na parroquia”, ao tempo que incidiu en que “Meirama é unha parroquia que ten potencial para mellorar e a nosa intención é, paso a paso, ir dándolle ese avance”.


