Noticias

O alcalde de Cerceda e a subdelegada do Goberno na Coruña buscan impulsar a conectividade no municipio

O alcalde de Cerceda e a subdelegada do Goberno na Coruña buscan impulsar a conectividade no municipio

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, recibiu na Sala de Xuntas do Concello á subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, con quen mantivo unha reunión de traballo. Durante o encontro abordaron diversas cuestións de interese para o municipio, entre as que destacou a expansión da cobertura 5G en Cerceda. O alcalde trasladoulle á subdelegada a importancia desta mellora para favorecer a conectividade, impulsar o desenvolvemento tecnolóxico e ofrecer mellores servizos á cidadanía e ás empresas da localidade.

A ampliación da cobertura 5G en Cerceda supón un avance clave para reducir a fenda dixital e mellorar a competitividade do tecido empresarial. O alcalde incidiu na necesidade de dotar ao municipio dunha infraestrutura tecnolóxica moderna que permita o acceso a servizos dixitais de calidade, tanto para os veciños como para as empresas que operan na zona. Pola súa banda, a subdelegada do Goberno reafirmou o compromiso do Executivo central en continuar impulsando este tipo de proxectos nos concellos galegos.

A subdelegada do Goberno destacou que o Goberno de España está a investir 9,3 millóns de euros para ampliar a rede en 51 concellos, algo que beneficiará a máis de 13.000 veciños.

Posteriormente, a subdelegada e o rexedor acudiron ao Viveiro de Empresas, situado no Polígono do Acevedo, onde se celebrou a xornada "Administración preto de ti", unha iniciativa promovida polo Goberno de España para facilitar a relación da cidadanía coas Administracións Públicas. Neste encontro, os asistentes recibiron asesoramento sobre diversos trámites administrativos e resolución de dúbidas, ademais de poder obter o certificado dixital e a Cl@ve permanente, ferramentas fundamentais para a realización de xestións telemáticas.

A xornada contou cunha importante participación de veciños e profesionais interesados en mellorar o seu acceso aos servizos dixitais. María Rivas destacou a importancia desta iniciativa para garantir que todas as persoas poidan acceder á administración electrónica dun xeito sinxelo e seguro, especialmente en municipios pequenos nos que o acceso a oficinas presenciais pode ser máis limitado. O alcalde tamén puxo en valor este tipo de eventos como unha ferramenta esencial para achegar a administración á cidadanía e facilitar os seus trámites cotiáns.

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, subliñou que “agradecemos a visita á subdelegada do Goberno, tanto para o impulso da conectividade no noso municipio como traendo iniciativas como esta da Administración preto de ti, que son as que marcan a diferencia no trato coa cidadanía”.

Ademais, agradeceu tamén o compromiso inversor do Goberno central en Cerceda, lembrando os 25 millóns de euros entre actuacións xa realizadas e futuras. Entre estas encóntranse os 15 millóns de euros do PERTE do hidróxeno en Meirama, máis de 3 millóns do Instituto de Transición Xusta para impulsar 5 proxectos industriais, o nó da subestación de Meirama, 6 sendas peonís, a modernización da estación de tren Cerceda-Meirama, os 1,2 millóns para instalar placas fotovoltaicas no parque acuático, o medio millón para a rehabilitación do paseo fluvial do río Cabancos, a instalación de luminarias LED en Xesteda e a reforma do local social parroquial, a rehabilitación enerxética do Museo do Moucho, e a execución da obra da Vía Verde.

Cookies user preferences
We use cookies to ensure you to get the best experience on our website. If you decline the use of cookies, this website may not function as expected.
Accept all
Decline all
Read more
Unknown
Unknown
Accept
Decline
Save