O ‘Cerceda Tapea’ volve este outubro coa súa segunda edición, que se celebrará os días 2, 3 e 4 de outubro. A ruta gastronómica reunirá trece bares e restaurantes das distintas parroquias do municipio, que ofrecerán máis de corenta tapas diferentes a un prezo popular de 2 euros cada unha.
Participan nesta edición A Taberna, O Muíño, O Parque e O Panadeiro, en Cerceda; A Estación, Pallas e O Lar 76, en Queixas; A Tella, Orlando e O Pallas, na Silva; o Estanco e Rodríguez, en Meirama, e Golán, na Tablilla. Deste xeito, a iniciativa volve estenderse ao conxunto do territorio municipal.
O evento articúlase en catro quendas para que veciñanza e visitantes poidan gozar da gastronomía en distintos momentos da fin de semana. O venres 2 abrirá a ruta en horario de noite, de 19:30 a 23:00 horas. O sábado 3 haberá dobre quenda, ao mediodía de 11:30 a 15:30 horas e pola noite de 19:30 a 23:00 horas. O domingo 4 pecharase a cita ao mediodía, de 11:30 a 15:30 horas.
A carta desta edición combina o receitario de sempre con propostas máis atrevidas. Entre as tapas de corte tradicional figuran os callos, a orella e o lacón á feira, as fabas con ameixas, o polbo con puré de pataca, as faceiras de porco, o churrasco con pementos, as troitas con cachelos, o rabo de tenreira ou o arroz con choupa.
A elas súmanse creacións como as gyozas de marisco, polo e verduras, o poke taberneiro, a francesiña, o cachopín astur-leonés, a empanada de cabaza con noces e tomate seco, a tosta de solombo con queixo de cabra e marmelada de tomate caseira ou as milfollas de peixe de rocha e langostinos con toque cítrico.
Como xa sucedeu na primeira edición, cada tapa virá acompañada dun rasca con premios directos e todos os participantes entrarán en tres grandes sorteos, un aliciente máis para percorrer os locais e descubrir os sabores do municipio.
Con esta iniciativa, o Concello de Cerceda busca dinamizar a hostalaría local e poñer en valor a riqueza culinaria do municipio, ofrecendo un plan para gozar en familia ou con amigos durante toda a fin de semana.


