O Concello de Cerceda executou un amplo paquete de actuacións nos colexios do municipio para que o alumnado comece o curso 2026-2027 en condicións óptimas. As intervencións, cun investimento de 49.343,07 euros no colexio de Cerceda e de 22.141,91 euros no da Silva, abranguen desde o mantemento integral de zonas comúns ata a transformación tecnolóxica de aulas clave, con melloras en eficiencia, seguridade e confort.
Entre as principais actuacións destacan a renovación integral da Aula de Tecnoloxía do CPI O Cruce, a instalación dun novo valado de seguridade no seu patio infantil e a mellora da sinalización viaria no exterior do CEIP Celso Emilio Ferreiro, co obxectivo de protexer o alumnado nas entradas e saídas. Ademais, nos dous centros pintáronse aulas, corredores, baños e zonas comúns, arranxáronse as instalacións eléctricas e substituíronse luminarias, persianas e outros elementos deteriorados.
A estes investimentos súmanse 25.000 euros que o Concello destina a axudas para material escolar e os 6.192 euros para o mantemento da Escola Infantil Municipal Os Pillabáns, á marxe do investimento na ampliación do centro.
O alcalde do Concello de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, subliñou que “un colexio público ten que ser un lugar seguro, actualizado e coidado, e con estas intervencións melloramos as aulas, pero tamén puntos críticos como a seguridade viaria no exterior ou as instalacións eléctricas”. O rexedor destacou que “dende as nosas competencias como Concello, queremos garantir o benestar dos nosos nenos e nenas e a igualdade de oportunidades”.
CPI O Cruce (Cerceda)
No CPI O Cruce, os traballos dividíronse en catro grandes eixos que dan resposta a demandas do propio centro. Levouse a cabo un plan de pintura que renovou por completo a cociña e o comedor, os baños, os teitos da planta baixa e da primeira planta e o exterior do ximnasio. Ademais, substituíronse dous extractores e limpáronse e pintáronse as reixas do comedor.
A actuación máis complexa centrouse na Aula de Tecnoloxía, que foi desmantelada por completo para retirar o mobiliario antigo e o cableado obsoleto. No seu lugar instalouse unha nova mesa de profesor cunha infraestrutura de datos.
No exterior, retirouse o valado antigo do patio infantil e instalouse unha nova malla Hércules de dous metros de altura para garantir a protección dos máis pequenos. A estrutura previa reaproveitouse para separar de forma segura o parque infantil do patio de maiores. Tamén se plantaron árbores e arranxouse o portal de acceso ao invernadoiro. O traballo completouse co arranxo e a substitución de luminarias e persianas deterioradas e coa instalación de novas estanterías na cociña.
CEIP Celso Emilio Ferreiro (A Silva)
No CEIP Celso Emilio Ferreiro, unha das intervencións máis destacadas foi a renovación da sinalización viaria horizontal no exterior do colexio, coa pintura da zona de prohibido estacionar. Con esta medida búscase ordenar o tráfico nas horas punta de entrada e saída e protexer o alumnado. Así mesmo, reparouse a porta de entrada principal do centro.
No interior, pintáronse aulas, corredores, baños e zonas comúns, substituíronse os cristais dalgunhas ventás e lavouse o lateral da cuberta do patio. O Concello tamén apostou polos proxectos innovadores do centro coa reparación e a colocación de novos enchufes e conexións eléctricas na Aula da Radio, e coa substitución completa da tarima deteriorada da Aula LUPO. Ademais, fixéronse arranxos eléctricos xerais, amañáronse persianas, cintas e tapas en mal estado, reparouse a cuba do fregadeiro de aceiro inoxidable e arranxáronse todos os baños do colexio. No exterior, retiráronse as camelias que dificultaban o mantemento dalgunhas zonas.


