Noticias

O Concello renovará o céspede artificial do anexo do Roxo

O Concello de Cerceda continúa a executar a súa ambiciosa estratexia de mellora das instalacións deportivas municipais coa vista posta nun obxectivo claro: deixar os espazos deportivos en condicións óptimas para que, durante os próximos anos, o principal esforzo sexa no mantemento.

Precisamente hoxe tivo lugar a sinatura do convenio entre o Concello de Cerceda e a Deputación da Coruña para cofinanciar as obras de renovación do céspede artificial do campo anexo ao Roxo, que teñen un orzamento de arredor de 313.000 euros, dos cales a Deputación achegará 250.000.

Deste xeito, o campo de fútbol anexo ao Roxo mudará o seu céspede artificial, actualmente deteriorado polo uso continuado e o paso do tempo. Esta mellora, que suporá un salto cualitativo na calidade das instalacións, beneficiará a centos de deportistas locais que utilizan o campo para partidos e adestramentos, garantindo unha superficie segura, moderna e adaptada ás esixencias actuais do deporte.

Esta actuación complétase co recente cambio das luminarias no mesmo recinto, xa executado, que permitiu dotar o campo dunha iluminación máis eficiente e potente, facilitando o seu uso en horario nocturno e reducindo ao mesmo tempo o consumo enerxético.

Este esforzo engádese á importante obra que se está a desenvolver no campo do Outeiro, na Silva, e á intervención prevista en Rodís, nun conxunto de proxectos que deixará a práctica totalidade das infraestruturas futbolísticas do municipio plenamente renovadas.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, sinalou que “este é o mandato dos investimentos nas instalacións futbolísticas. Isto persegue un obxectivo: ter unhas instalacións en boas condicións para a primeira metade do século XXI. Ao que me refiro con isto é que nos próximos anos teremos que encargarnos principalmente do mantemento, non de reformas, pois xa estarán acometidas”.

Rodríguez destacou que “é unha das instalacións deportivas máis importantes de Cerceda, pois é un lugar de adestramento de moitos equipos. Ademais, completa a gran oferta deportiva do Roxo, co pádel, o campo de herba natural e o campo de fútbol sete”.

O rexedor cercedense aproveitou a ocasión para agradecer ao presidente provincial “a gran axuda que a Deputación lle brinda ao Concello de Cerceda, que se exemplifica con esta actuación, pero que está presente en moitas outras, como as obras financiadas a través do Plan Único”.

Cookies user preferences
We use cookies to ensure you to get the best experience on our website. If you decline the use of cookies, this website may not function as expected.
Accept all
Decline all
Read more
Unknown
Unknown
Accept
Decline
Save