Noticias
- Categoría: Noticias
DECRETO DA CONCELLEIRA DELEGADA
Dada conta da convocatoria de Prazas da Escola Infantil Municipal Os Pillabáns de Cerceda para o curso 2026/2027.
Visto o informe–proposta elaborado pola coordinadora de servizos sociais do Concello de Cerceda no que se propón a listaxe de admitidos e a listaxe de agarda para o curso 2026/2027, para cada unha das unidades.
.../...
- Categoría: Noticias
O Concello de Cerceda culminou a renovación de dous viais clave na parroquia de Xesteda, a pista dende Campo Xesteda cara a Cruce da Brea e a pista ao monte. Este luns tivo lugar a entrega das dúas intervencións, que supuxeron un investimento total de 79.220 euros financiados cunha axuda da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
Na pista de Campo Xesteda a Cruce da Brea, actuouse sobre un tramo de 940 metros e catro de ancho. Limpáronse as gabias en ambas marxes e mellorouse a capa de rodaxe con aglomerado asfáltico. Así mesmo, aplicouse sinalización horizontal e engadiuse un sinal de stop.
Na pista ao monte, a intervención abrangueu dous treitos de 540 e 160 metros, é dicir, un total de 660 metros, así como un entronque de 15x7 metros. Neste caso, mellorouse o firme cunha capa de zahorra e engadiuse un sinal de stop.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, supervisou as actuacións xunto coa tenente de alcalde, Catrina Queijo, e o concelleiro de Medio Rural, Ángel Gestal. O rexedor valorou que “desde o Concello seguimos mellorando a mobilidade e a seguridade viaria nas parroquias con actuacións como esta en Xesteda”.
Rodríguez subliñou que actuacións coma esta son esenciais para o goberno municipal: “Temos unha extensa rede de estradas municipais que debemos coidar e mellorar para garantir as boas conexións que temos”.

- Categoría: Noticias
A Xunta volve poñer en marcha o programa Benestar en Balnearios. Unha experiencia de lecer e saúde destinada aos maiores de Galicia.
Estadías de 10 días en réxime de pensión completa (aloxamento, almorzo, comida e cea) a escoller entre 15 balnearios de Galicia, quendas desde 15 xullo ata o 31 de decembro de 2026.
Dirixido a persoas maiores de 60 anos (ou pensionistas maiores de 55) e un ou dous acompañantes.
Prazo de inscrición: do 27 de maio ao 27 de xuño de 2026.
Máis información: 981 68 60 68
- Categoría: Noticias
O Concello de Cerceda acolleu hoxe a quinta edición da Poseidon Race, unha das carreiras de obstáculos máis destacadas do calendario nacional e europeo. A proba, organizada polo club OCR Cerceda coa colaboración do Concello de Cerceda e da Deputación da Coruña, reuniu preto de 1.000 participantes nun esixente circuíto con saída e meta no Aquapark. Na categoría Elite venceron Rubén García e Magali Hayen.
A competición desenvolveuse nas inmedacións do parque, atravesando espazos como o xardín botánico ou o o paseo fluvial. Cerceda converteuse nun referente do deporte OCR durante toda a xornada, cunha cita que xa está entre as grandes probas deportivas da primavera en Galicia.
A Poseidón Race contou coas categorías Elite, Starter e Popular, adaptadas a diferentes niveis de dificultade. A categoría Elite, puntuable para as ligas Nacional AOCO, North Finals e para a clasificatoria do campionato do mundo OCRWC, afrontou un percorrido de 10 quilómetros e 70 obstáculos. Pola súa banda, a categoría Starter (popular competitiva) completou 8 quilómetros e 53 obstáculos, mentres que a modalidade Popular contou cun trazado de 8 quilómetros e 48 obstáculos.
Nas categorías populares participaron máis de 500 atletas, mentres que as probas competitivas reuniron deportistas chegados de diferentes puntos de España e tamén doutros países como Portugal, Venezuela, Colombia, Estonia, República Checa ou Polonia, entre outros. A elevada participación e o nivel competitivo volveron situar a Cerceda no mapa europeo das carreiras de obstáculos.
- Categoría: Noticias
En cumprimento do Plan galego de estatística 2022-2026 (Lei 16/2021, do 20 de decembro, DOG nº 249 do 29 de decembro de 2021) este Instituto está a realizar a operación estatística “Enquisa estrutural a fogares”.
A enquisa diríxese a 9.216 vivendas de toda Galicia. Informámolos de que neste concello hai vivendas seleccionadas para participar. Estas vivendas serán visitadas entre o 1 de xuño e o 21 de xuño, que é o período de enquisa neste concello, por persoal enquisador debidamente acreditado para cubrir un cuestionario estatístico .../...
- Categoría: Noticias
Unha representación do Concello de Cerceda, encabezada polo alcalde, Juan Manuel Rodríguez, comprobou o estado das obras que Adif está a executar na estación de Cerceda-Meirama. Á visita acudiron tamén as concelleiras Catrina Queijo, Cristina Capelán e María Carmen Martínez.
O obxectivo era avaliar o avance da actuación, destinada a mellorar a seguridade, a accesibilidade, a mobilidade e a interoperabilidade das instalacións ferroviarias. Os traballos forman parte dun plan de mellora impulsado por Adif xunto coas estacións de Ordes e Uxes que supera os 7 millóns de euros de investimento.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, sinalou que estas actuacións responden parcialmente ás demandas trasladadas polo Concello nos últimos anos. “Estamos falando dunha infraestrutura que presentaba importantes carencias e que xeraba dúbidas entre as persoas usuarias, especialmente no relativo á accesibilidade e ás condicións do paso inferior”, indicou.
Na estación de Cerceda-Meirama, as actuacións inclúen a instalación de dous ascensores panorámicos para facilitar o paso entre vías, especialmente ás persoas con mobilidade reducida. Ademais, estase intervindo nas plataformas, o paso inferior, as ramplas e escaleiras.
O rexedor valorou positivamente que se estean a executar melloras na estación, aínda que advertiu de que será necesario comprobar o resultado final das actuacións unha vez rematadas: “Entendemos que vai supoñer un impulso importante para a estación e para o servizo ferroviario, pero tamén somos conscientes de que posiblemente non dea resposta a todas as necesidades existentes”.
Dende o Concello lembran que xa no ano 2023 se trasladara a Adif unha comunicación oficial advertindo das deficiencias existentes na estación. O documento ía acompañado de informes técnicos nos que se incidía nas condicións de accesibilidade e seguridade das instalacións. Especialmente, nas inquedanzas sobre a luminosidade e seguridade do paso subterráneo.
Neste sentido, o alcalde lembrou tamén que a actual estación de Cerceda-Meirama se atopa afastada dos principais núcleos de poboación do municipio. Este feito obriga a moitas persoas usuarias a desprazarse expresamente ata a infraestrutura. En resposta a esta problemática, o Concello xa executara unha senda peonil de 300 metros de longo e dous metros de ancho para mellorar o acceso.
Dende o goberno municipal reiteran que seguirán realizando un seguimento das obras e trasladando a Adif todas aquelas cuestións que consideren necesarias para garantir “o mellor servizo posible” da estación á veciñanza de Cerceda.


