Punto limpo: permanecerá pechado o 17/04/2025 (Xoves Santo)
O Concello de Cerceda está a facer unha enquisa para o estudo das necesidades de transporte a centros educativos de bacharelato e ciclos formativos medio e superior, esta equisa poderá realizarse ata o 30 de abril.

O Concello de Cerceda anuncia unha nova edición da Feira das Nenas, que se celebrará os días 19 e 20 de abril na Silva. Esta cita emblemática do calendario festivo chega un ano máis cargada de actividades para todos os públicos, combinando tradición, cultura, música e diversión nun ambiente único que encherá as rúas de vida durante toda a fin de semana.
O sábado 19, a feira dará comezo ás 10:00 h coa apertura oficial acompañada de bombas de palenque e o pasarrúas coa Charanga "Os Celtas". Ás 11:00 h terá lugar a inauguración oficial da feira a cargo do alcalde e outras personalidades destacadas. A partir das 11:00 h tamén se poderá gozar da degustación de freixós, elaborados na Praza Campo da Feira das Nenas. Ás 11:30 h comezarán os adestramentos de motocross con motos clásicas.
Ás 14:00 h está prevista unha sesión vermú co Grupo Alborada, e a partir das 16:00 h e durante toda a xornada haberá paseos en carruaxe pola Silva e paseos en poni para os máis pequenos. Tamén ás 16:00 h realizaranse mangas de motocross con motos clásicas, a cargo de Motopark Cerceda. Xa ás 18:00 h, o alumnado do CEIP “Celso Emilio Ferreiro” da Silva representará a obra de teatro “As Ferreñas” en directo. O Grupo Alborada volverá subir ao escenario ás 20:00 h, seguido da verbena co grupo Kubo ás 21:30 h. Durante todo o día tamén haberá exhibicións de esculturas de madeira con motoserra.
O domingo 20 arrancará ás 10:00 h coa feira tradicional e o pasarrúas da Charanga “BB+”. Ás 11:45 h será a quenda da ruada a cargo da A.C. Folque Ruada A Silva Ruada. Ás 13:00 h procederase á repartición de bolos preñados e ás 14:00 h terá lugar unha nova sesión vermú, nesta ocasión co Grupo La Bamba. Xa ás 17:00 h será a regueifa a cargo de Lupe Blanco, Antonio de Xornes e Suso de Xornes.
Ás 18:00 h chegará un dos momentos máis esperados: presentarase a parella da “Feira das Nenas 2025” a cargo de Pili Pampín e Marcial Mouzo, así como a entrega de premios da Feira Cabalar. Ás 19:00 h, Paulo Martinho ofrecerá unha exhibición de freestyle co seu espectáculo de motos. Ás 20:00 h, o Grupo La Bamba volverá ao escenario para unha nova actuación. A continuación, ás 21:00 h actuará a Orquestra Olympus, que tamén será a encargada de pechar a feira ás 23:30 h, despois dunha sesión de fogos de artificio prevista para as 23:00 h.
A Feira Cabalar celebrarase tamén o domingo 20, con recepción de cabalos e xinetes ás 9:30 h, concursos morfolóxicos durante toda a mañá, unha carreira de andadura de trotóns ás 13:00 h, e unha exhibición de andadura ás 16:00 h. Os premios repartiranse cun valor total de 4.000 euros.
Durante os dous días da feira, o público poderá visitar a carpa de exposicións multisectorial e polbeiras, convertendo a Feira das Nenas nunha experiencia completa de festa, cultura e tradición.

O Concello de Cerceda presentou esta mañá a cuarta edición da proba deportiva Poseidon Race organizada polo club local OCR Cerceda en colaboración coa Administración local. Esta proba deportiva consiste nunha carreira de obstáculos que terá lugar o 31 de maio no Aquapark cercedense e as súas inmediacións.
A proba deuse a coñecer hoxe no salón de plenos da Casa do Concello e no acto interviñeron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Óscar Golán e Álvaro Sánchez e Carlos Abal, do club OCR Cerceda.
A carreira contará coas categorías Elite, Starter, Parellas e Popular. A principal novidade deste ano é a celebración do Poseidon Cross Solidario a favor de ACEM, a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltple.
A primeira terá un percorrido de 10 quilómetros e 60 obstáculos, namentres que as restantes será de 8 quilómetros. O número total de obstáculos serán de 50 para a quenda Starter e 45 para a Popular. Serán, como de costume, probas de suspensión, forza, equilibrio, puntería e axilidade.
A primeira categoría que tomará a saída será a Elite e a saída producirase ás 14:00 horas. A continuación, ás 15:20 horas, arrincarán os ‘starters’; as parellas ás 15:40 horas e a Popular das 16:00 horas en diante.
Esta proba forma parte da Liga OCRA Galicia, Liga Nacional AOCO, Liga North Finals e será clasificatoria para o mundial OCRW.
Inscricións
Para formar parte da proba, as persoas interesadas deberán apuntarse a través da páxina www.ccnorte.com.En Cerceda daranse cita os mellores atletas nacionais e internacionais deste tipo de carreiras con deportistas de elite chegados dende países como Portugal, Dinamarca, Bélxica, Sudáfrica ou Alemaña. Por algo é considerada, a nivel elite, como unha das carreiras máis esixentes e completas de Europa.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, subliñou “a aposta decidida deste goberno pola colaboración con este tipo de eventos, que fomentan o deporte e que lle dan visibilidade a recursos naturais que son de moito interese para nós”.
O presidente do club organizador da carreira, Álvaro Sánchez, agradeceu novamente a colaboración do Concello, pois “sen a súa axuda sería totalmente imposible darlle ao evento a magnitude que ten a día de hoxe, e agardamos seguir facéndoo medrar”.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, recibiu na Sala de Xuntas do Concello á subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, con quen mantivo unha reunión de traballo. Durante o encontro abordaron diversas cuestións de interese para o municipio, entre as que destacou a expansión da cobertura 5G en Cerceda. O alcalde trasladoulle á subdelegada a importancia desta mellora para favorecer a conectividade, impulsar o desenvolvemento tecnolóxico e ofrecer mellores servizos á cidadanía e ás empresas da localidade.
A ampliación da cobertura 5G en Cerceda supón un avance clave para reducir a fenda dixital e mellorar a competitividade do tecido empresarial. O alcalde incidiu na necesidade de dotar ao municipio dunha infraestrutura tecnolóxica moderna que permita o acceso a servizos dixitais de calidade, tanto para os veciños como para as empresas que operan na zona. Pola súa banda, a subdelegada do Goberno reafirmou o compromiso do Executivo central en continuar impulsando este tipo de proxectos nos concellos galegos.
A subdelegada do Goberno destacou que o Goberno de España está a investir 9,3 millóns de euros para ampliar a rede en 51 concellos, algo que beneficiará a máis de 13.000 veciños.
Posteriormente, a subdelegada e o rexedor acudiron ao Viveiro de Empresas, situado no Polígono do Acevedo, onde se celebrou a xornada "Administración preto de ti", unha iniciativa promovida polo Goberno de España para facilitar a relación da cidadanía coas Administracións Públicas. Neste encontro, os asistentes recibiron asesoramento sobre diversos trámites administrativos e resolución de dúbidas, ademais de poder obter o certificado dixital e a Cl@ve permanente, ferramentas fundamentais para a realización de xestións telemáticas.
A xornada contou cunha importante participación de veciños e profesionais interesados en mellorar o seu acceso aos servizos dixitais. María Rivas destacou a importancia desta iniciativa para garantir que todas as persoas poidan acceder á administración electrónica dun xeito sinxelo e seguro, especialmente en municipios pequenos nos que o acceso a oficinas presenciais pode ser máis limitado. O alcalde tamén puxo en valor este tipo de eventos como unha ferramenta esencial para achegar a administración á cidadanía e facilitar os seus trámites cotiáns.
O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, subliñou que “agradecemos a visita á subdelegada do Goberno, tanto para o impulso da conectividade no noso municipio como traendo iniciativas como esta da Administración preto de ti, que son as que marcan a diferencia no trato coa cidadanía”.
Ademais, agradeceu tamén o compromiso inversor do Goberno central en Cerceda, lembrando os 25 millóns de euros entre actuacións xa realizadas e futuras. Entre estas encóntranse os 15 millóns de euros do PERTE do hidróxeno en Meirama, máis de 3 millóns do Instituto de Transición Xusta para impulsar 5 proxectos industriais, o nó da subestación de Meirama, 6 sendas peonís, a modernización da estación de tren Cerceda-Meirama, os 1,2 millóns para instalar placas fotovoltaicas no parque acuático, o medio millón para a rehabilitación do paseo fluvial do río Cabancos, a instalación de luminarias LED en Xesteda e a reforma do local social parroquial, a rehabilitación enerxética do Museo do Moucho, e a execución da obra da Vía Verde.

O Concello de Cerceda vén de sacar a licitación a ampliación da Escola Infantil "Os Pillabáns", unha actuación que permitirá mellorar a capacidade do centro e optimizar as instalacións para ofrecer un servizo de maior calidade. O proxecto, cun orzamento base de licitación de 151.536,26 euros, responde á crecente demanda de prazas e á necesidade de garantir un espazo adecuado para o benestar e o desenvolvemento dos nenos e nenas do municipio.
A intervención contempla a construción dunha nova aula de 70 metros cadrados na marxe sureste da parcela, aproveitando un espazo actualmente vacante. Esta aula, destinada ao grupo de idade de 1 a 2 anos, conectarase co edificio existente a través do comedor, asegurando unha integración funcional e facilitando a mobilidade dentro do centro. Ademais, a actuación permitirá reorganizar os espazos interiores, creando un ambiente máis cómodo e adaptado ás necesidades da comunidade educativa.
Esta ampliación responde ao compromiso do Concello de Cerceda co reforzo dos servizos educativos e de conciliación familiar. Nos últimos anos, a Escola Infantil "Os Pillabáns" experimentou un incremento da demanda, polo que este proxecto permitirá dar cobertura a máis familias e mellorar as condicións nas que se prestan os servizos de atención á infancia.
O prazo de execución previsto para a obra será de doce meses, durante os cales o Concello velará por minimizar o impacto das actuacións sobre o funcionamento diario do centro. As familias serán informadas en todo momento sobre o avance dos traballos para garantir a máxima transparencia no proceso.
Desde o Concello destacan a importancia deste investimento, que non só reforza a infraestrutura educativa do municipio, senón que tamén supón un apoio fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños. Este proxecto forma parte dunha estratexia máis ampla de mellora dos servizos públicos, apostando por unha educación de calidade dende as primeiras etapas da vida.
Unha vez finalizadas as obras, a Escola Infantil "Os Pillabáns" disporá dunha capacidade ampliada e dunha mellor organización dos espazos, garantindo un servizo máis eficiente e adaptado ás necesidades da comunidade. Con esta iniciativa, o Concello de Cerceda reafirma o seu compromiso co futuro das familias e coa mellora continua das infraestruturas municipais.

O próximo día 09/04/2025 farase unha nova recollida de plástico agrícola nas diferentes explotación agrícolas e gandeiras do Concello de Cerceda.
O procedemento para solicitar a recollida é o seguinte:
1. Os interesados deben chamar ao 881.04.67.76 para solicitar o servizo indicando a cantidade a recoller e os datos do punto de recollida.
2. O plástico debe estar nun lugar que sexa accesible para o camión encargado da carga con grúa, nun único punto de carga dentro da explotación.
3. O plástico debe estar limpo, sen residuos e atado en fardos (senón é así non se poderá efectuar a recollida)

O Concello de Cerceda presentou hoxe a III edición da proba deportiva solidaria ‘Os 11 das vías’, que se celebrará o vindeiro 3 de maio. Esta carreira, organizada polo Concello de Cerceda e coa colaboración do Club Atlética A Silva e o Albergue da Estación, combina zonas de trail e asfalto nos seus 11 quilómetros de percorrido para dar a coñecer a Vía Verde, que une o municipio con Oroso.
Na presentación de hoxe, celebrada no Salón de Plenos do Concello de Cerceda, estiveron presentes o alcalde, Juan Manuel Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Óscar Golán; o responsable da rehabilitación do Albergue da Estación, Miguel García; e os representantes do Club Atlética A Silva, Isabel Bermúdez e Brais López.
Dará comezo ás 16:00 horas coas carreiras para menores e ás 18:00 horas será o pistoletazo de saída para a carreira. Uns minutos despois, sobre as 18:20 horas, celebrarase a andaina, con catro quilómetros de percorrido. As inscricións poderán formalizarse en www.carreirasgalegas.com e o prazo será ata o domingo anterior ó evento no caso das carreiras.
No caso da andaina, o prazo amplíase ata o propio día da proba e presenta un percorrido renovado, que explorará novos recunchos do territorio recuperado ao ferrocarril. O prezo para a carreira será de 6 euros. As de menores serán de balde e o paseo valerá 1 euro.
Outra novidade será un espazo de actividades de xogos tradicionais, que permanecerá activa durante toda a tarde ata a entrega de trofeos.
As cantidades serán doadas integramente á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para a investigación oncolóxica e financiamento de proxectos que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro.
Como na edición do ano pasado, haberá premios tamén para os participantes na andaina. Concretamente, premiarase ao/á participante máis maior e ao/á máis novo/a.
Ademais, no acto fíxose entrega á AECC do cheque de 798 euros conseguidos na primeira edición desta proba solidaria, celebrada o ano pasado.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, destacou o éxito “dun evento que combina tres factores clave para nós: turismo, deporte e natureza”. “Esta proba, ao igual que outras como a San Silvestre ou a Poseidon Race demostran a aposta deste Concello no fomento de eventos que mesturen eses tres conceptos”, indicou, para concluír que “esta é certamente especial por esa parte solidaria e colaborativa coa Asociación Española Contra o Cancro”.
Pola súa banda, Miguel García, do Albergue da Estación, fixo fincapé nos aspectos técnicos de organización, ademais de animar "a todo o mundo, cercedense ou non, a participar neste evento".
Dende o 15 de marzo ao 15 de abril de 2025 está aberto o prazo de solicitude de renovación e praza nova na escola infantil "Os Pillabáns" para o curso 2025/2026.
A documentación precisa que se debe de adxuntar xunto co modelo de solicitude é a que se acompaña no anexo. Esta documentación debe ser presentada na Sede Electrónica do concello, no Rexistro Xeral ou en Servizos Socias do concello, en horario de 9.00horas a 14.00horas.
Máis información no Departamento de Servizos Sociais ou no teléfono 981 68 60 68