Con motivo da realización do I Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes do Concello de Cerceda 2005-2007, detectamos a necesidade de pór en marcha medidas de atención e de protección ás mulleres en situación de violencia de xénero, dende unha perspectiva integral, e potenciar a coordinación entre os diferentes axentes sociais que interveñen nesta materia. Máis concretamente, entre as súas liñas estratéxicas establécese a abordaxe integral da violencia de xénero, co seguinte obxectivo xeral:
"Facilitar a erradicación da violencia de xénero, mellorar e previr a situación das mulleres que sofren malos tratos, mediante actuacións eficientes e a coordinación dos distintos organismos implicados, para o que se facilitará o exercicio dos seus dereitos e a súa integración socio laboral".
Conscientes da necesidade de realizarmos unha abordaxe das situacións de violencia, ao longo do 2009-2010 o Concello de Cerceda desenvolveu un programa de actuación en materia de violencia de xénero, da man da Concellaría de Servizos Sociais e financiado pola Xunta de Galicia. O resultado do programa foi a elaboración do ITINERARIO DE COORDINACIÓN INTERINSTITUCIONAL e, posteriormente, a concertación dun ACORDO INTERINSTITUCIONAL DE COORDINACIÓN EN MATERIA DE VIOLENCIA DE XÉNERO
Este documento xurde do compromiso por parte das institucións de daren resposta ao problema da violencia de xénero e coa misión de dotaren dunha atención integral e coordinada ás mulleres que viven en situación de violencia, así como dunha mellor información que se adapte constantemente as súas necesidades.
Isto verase posibilitado logo de establecer canles de comunicación e de coordinación entre os/as profesionais que traballan día a día para erradicaren esta lacra social.
O ITINERARIO DE COORDINACIÓN INTERINSTITUCIONAL NOS DIFERENTES ÁMBITOS PROFESIONAIS e o ACORDO INTERINSTITUCIONAL DE COORDINACIÓN EN MATERIA DE VIOLENCIA DE XÉNERO, como se vén anticipando, teñen dous obxectivos principais:
- Establecer os criterios de colaboración e de coordinación entre os/as axentes implicados/as.
- Articular unhas pautas de actuación homoxéneas na intervención coas mulleres vítimas de violencia de xénero.
INTRODUCIÓN
O Itinerario de coordinación interinstitucional en violencia de xénero ten as seguintes finalidades:
- Establecer pautas de actuación homoxéneas de coordinación entre os e as profesionais que atenden as vítimas de violencia de xénero e os seus fillos/as e persoas dependentes, para detectar, valorar e intervir nos casos de violencia de xénero.
- Potenciar a actuación das institucións responsables de previr a violencia de xénero conforme aos principios de cooperación, de coordinación e de colaboración.
O Itinerario de coordinación interinstitucional é un instrumento elaborado e consensuado polos diferentes axentes implicados en intervir sobre unha problemática determinada, a violencia de xénero, co obxectivo de posibilitar actuacións coordinadas e eficaces.
A coordinación entre profesionais de diferentes ámbitos ten os seguintes obxectivos:
- Sistematizar as intervencións e o seguimento deste tipo de problemáticas, para procurarlles unha actuación homoxénea e integral ás mulleres vítimas de malos tratos, aos e ás súas fillas e ás persoas dependentes.
- Optimizar e axilizar todos os recursos existentes para evitar a duplicidade, a través de intercambiar información e prestar colaboración cando se demandar.
O itinerario ten entre os seus obxectivos pór en marcha un sistema articulado que lle permita a cada un dos/as profesionais implicados/as coñecer o que ten que facer, quen ten competencias para facelo e de que recursos dispón en cada momento, para prestarlles unha atención de calidade ás mulleres, aos e ás fillas e ás persoas dependentes que están a sufrir unha situación de violencia de xénero.
O itinerario de intervención descrito ofrece orientacións ao persoal de cada unha das institucións para a atención integral -física, psicolóxica, emocional e social- ás mulleres, aos e ás fillas e ás persoas dependentes en caso de maltrato.
Con este documento pretendemos facilitar o traballo dos/as profesionais, darlles a coñecer que pasos deben seguir ante a intervención con mulleres vítimas de malos tratos e de que recursos dispoñen, así como conseguir mellorar a atención ás mulleres e facilitarlles información dos recursos existentes. En definitiva, trátase de conseguirmos unha atención integral e coordinada e, por tanto, unha resposta máis adecuada ás necesidades das vítimas.
MARCO NORMATIVO
O Itinerario de coordinación interinstitucional en violencia de xénero debe respectar e axustarse ao marco normativo existente co fin de garantir a aplicación de criterios homoxéneos na atención ás mulleres que sofren violencia.
Existen leis e protocolos de implantación xeral no Estado e na Comunidade Autónoma galega que serven de referencia á hora de dármoslles respostas coordinadas ás mulleres que padecen situacións de violencia de xénero.
ESTATAIS
- Lei 27/2003, do 31 de xullo, reguladora da Orde de protección das vítimas de violencia de xénero
- Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero
- Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes
AUTONÓMICAS-GALEGAS
- Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero da Xunta de
- Galicia
- Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e de homes
- Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local
- Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia
- Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal
OBXECTIVOS
- Incrementar a coordinación interprofesional como elemento necesario para mellorar a atención ás mulleres e aos seus fillos/as e persoas dependentes: a dimensión multicausal, as consecuencias e o mantemento do proceso da violencia de xénero necesitan unha abordaxe integral e coordinada dos diferentes ámbitos de actuación.
- Avanzar na prevención da violencia a través das actuacións e das propostas proactivas que eviten que se perpetúen as causas e as manifestacións da violencia de xénero.
- Evitar a vitimización secundaria para o que se lles facilitará aos profesionais unha formación específica sobre o fenómeno da violencia de xénero que permita, ao mesmo tempo, analizar o modelo de intervención.
- Adecuar, avanzar e innovar: reflexionar sobre os proxectos e as prácticas que se están a desenvolver na atención, na prevención e/ou na investigación que nos permita afondar nos modelos de intervención e, fundamentalmente, nos retos e nas liñas de intervención futuras.
- Contribuír a conseguir un concello libre de violencia sobre as mulleres. Traballar na erradicación progresiva da violencia dende unha dupla dimensión: avanzar na mellor e na eficacia da atención e facelo cunha metodoloxía baseada no diálogo dende a diferenza, a pluralidade e a creación de espazos comúns de consenso.
O obxectivo común das entidades que participan neste protocolo é pór en práctica aqueles elementos que, interrelacionados entre si, farán posible o funcionamento correcto dos mecanismos de protección integral, sen prexuízo dos que a cada institución ou Administración lles competen en cada área e desenvolvan.