Artigos

Muiñeiras, Xotas e Cantigas de tradición oral

A Historia de Manuel do Campo, A Maruxiña, Cantiga da Baixa de Rodís, Muiñeira de Rodís, Muiñeira do Santo Amaro, O Caneco, O Merlo, O Pirimpimpín, Quen Teña Viño, Xota de Langueirón, Amores e Desamores, Arrolos e Cantos de Berce, etc

A HISTORIA DE MANUEL DO CAMPO

Se queren oíla
ireilles contando
a vida privada
de Manuel do Campo

O Manuel do Campo,
como era moi listo,
saíu retratado
na caixa dos mistos.

O Manuel do Campo,
cando era pequeno,
á primeira moza
deixouna cun neno.

E cando era novo,
foi tunar a Mieres,
regresou pra casa
con sete mulleres.

E Manuel decía:
"Eu que vou facer,
que sete mulleres
n'as podo antender.

E morreulle unha,
pero el non ten pena
porque aínda lle queda
a media docena.

Pasou algún tempo
e, entre unhas e outras,
da fame e desgustos,
morréronlle todas.

Corréuselle a sona
do que lles facía.
Buscou e buscou
e ningunha o quería.

-"Non poido vivir
así deste xeito,
que eu a durmir solo
non estou afeito!"

E tiña unha burra
tan feita e tan linda
que a considera
como da familia.

E dixo Manuel:
-"Vou ao señor cura
que, se me autoriza,
cásome coa burra".

E díxolle o cura:
-"Que o demo te vexa!
Eu non che autorizo
a burra na igrexa!"

Díxolle Manuel:
-"Élle a miña sorte!
Se non é na igrexa,
cásenos na corte."

-"Prepara o pesebre
para a cerimonia
e tés que ir vestido
cunha albarda nova."

-"Mire, señor cura,
por eso non seña,
que non hai casado
que albarda non teña".

E díxolle o cura:
-"Para cousa ir ben-e,
hai que preguntarlle
á burra tamen-e"

E díxolle a burra:
"Eso si que non!
Teño outro máis guapo
na corte de Antón".

-"Eu ben o coñezo
a ese galopín.
Non creo que sea
máis burro ca min"

E díxolle a burra:
-"Non presumas tanto!
Se non é tan burro,
ten outros encantos".

-"Dáme un bico, burra,
que eu sei que me queres,
e non tou disposto
a que me despreces"

Contestoulle a burra:
-"Ti, que eres tan guapo
bícame se queres
debaixo do rabo"

E Manuel, celoso
e cheo de furia,
colleu o coitelo
e matou a burra.

Despois de facelo,
botouse a chorar-e.
-"Eu, á miña burra
n'a podo olvidar-e".

"Adios, miña burra,
miña compañeira.
Mañán te levaba
co millo á feira."

Contestoulle a burra:
-"Tócate o carallo!
O millo se queres
lévalo no carro".

E a burra, de morta,
regañaba os dentes
e ía decindo:
-"Adios, meus parentes!"

E a burra, de morta,
levantaba o rabo
e botaba flores
para Manuel do Campo.
(M.L. / M.N. / D. R.)

A MARUXIÑA

Eu querer, quéroche ben.
Eu téñoche admiración,
pero casarme contigo
non mo pide o corazón.

Ai, Maruxiña,
eu ben cho dicía
que o andar de noite
é unha tolería.

Ai, Maruxiña,
non é nada malo
darlle un biquiño
a un namorado.

Ai, Maruxiña,
detrás dun valado
dáme un biquiño
que non é pecado

Ai, Maruxiña,
Detrás dun codeso
Dáme un biquiño
Que eu ben cho merezo.
(C.L.M. / V.C.G.)

CANTIGA DA BAIXA DE RODÍS

Déixame segar a herba,
déixama poñer no feixe,
déixame deixar o mundo
para que o mundo me deixe.

Ai la le la le la
ai la le la le la la

Non te cases con ferreiro
Que é moi malo de lavar.
Cásate con mariñeiro,
Que vén lavado do mar.

Nena que vendes as peras,
Cantas che mandaron dar?
Para ti, meu queridiño,
non mas mandaron contar.

-Sempre andas preguntando,
ond'a rula ten o niño.
-Teno na horta1 do cura
debaixo dun ramalliño.

Miña nai doume unha
tunda co aro dunha peneira.
Ten vergonza miña nai
que vén a xente da feira.
(M.L. / M.N. / D. R.) e (L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

MUIÑEIRA DE RODÍS

Santa Comba de Xesteda
ten uns zapatiños brancos.
San Martiño de Rodís
vaillos ver os días santos.

Ailalá, ailalá
ailalá, ailalá

O cura de Vigo é xastre,
o de Marín, mariñeiro,
o de Ourense, afiador,
e o de Rodís, don Ribeiro

Ailalá, ailalá
ailalá, ailalá

Cara de cañoto seco,
cara de cañoto seco:
vai calando, vai calando,
que eu contigo non me meto.

Ailalá, ailalá
ailalá, ailalá
(M.L. / M.N. / D. R.)

MUIÑEIRA DO SANTO AMARO

Señor cura, señor cura,
Señor cura, señor cura,
a doutrina non lla sei,
pídame unhas cantiguiñas, pídame unhas cantiguiñas,
que eu llas repenicarei.

Moza bonita no mundo,
Moza bonita no mundo
non debera de nacer,
porque fai como a mazá,
porque fai como a mazá
todos a queren comer.

Ser solteiro é boa cousa,
ser solteiro é boa cousa
e ser casado tamén.
Deixarei para cando morra,
deixarei para cando morra
pensar no que me convén.

Por dicir Viva San Roque!
Por dicir Viva San Roque!
prenderon o meu irmán,
agora que o soltaron,
agora que o soltaron
Viva San Roque e o can!
(C.L.M. / V.C.G.)

O CANECO

Miña nai a min berroume
por botar un ferrancholo,
se o botei fixen ben
tamén o botou Manolo,
tamén o botou Manolo, tamén o botou Manolo.
Miña nai a min berroume
por botar un ferrancholo

E súmballe o caneco e o caneco sumba,
e súmballe o caneco e o caneco sumba, sumba.
E súmballe o caneco e o caneco sumba,
e súmballe o caneco e o caneco sumba, sumba.

Vindo dos polbos da illa
parei no medio do mar
agora dime rapaza
cantos polbos che hei botar.
Cantos polbos che hei botar, cantos polbos che hei botar.
Vindo dos polbos da illa
parei no medio do mar.

E súmballe o caneco…

Boteiche un polbo na saia
túa nai ben me mirou.
Agora vaite queixar ao cono que te botou.
Ó cono que te botou, ó cono que te botou.
Boteiche un polbo na saia
Túa nai ben me mirou.

E súmballe o caneco…
(C.L.M. / V.C.G.)

O MERLO

O merlo e maila merla
ían polo prado abaixo.
O merlo como era pillo
meteu a merla debaixo.

O merlo e maila merla
ían polo campo arriba.
O merlo como era pillo
botoulle a pata por riba.

San Antonio de Catoira,
casamenteiro das vellas,
por que non casas as novas?
Que mal che fixeron elas?

Aí vos vai a despedida
Aí vos vai a derradeira
Acabouse o chiculate
Rompeu a chiculateira.
(C.L.M. / V.C.G.)

O PIRIMPIMPÍN

Teño dentro do meu peito,
unha laranxa partida
para darlle ao meu amor,
O pirim pirim pim pim
para darlle a miña vida.

Pirimpimpín, pim, pim, pim, pim,
Manolo vira para cá
María vira para aquí.
Pirimpimpín, pim, pim, pim, pim,
Manolo vira para cá
María vira para aquí

De Portugal me mandaron
tres peras nun ramalliño,
quen me dera a min sabere
O pirim, pirim, pim, pim,
quen me ten tanto cariño.

Pirimpimpín, pim, pim, pim, pim…

Do outro lado do río,
do outro lado, meu ben
do outro lado do río
O pirim, pirim, pim, pim,
teño a quen lle quero ben.

Pirimpimpín, pim, pim, pim, pim,

Á entrada de Portugal
hai un lexo de letreiro
que sempre está a dicir
o pirim, pirim, pim, pim,
Portugal meu compañeiro.

Pirimpimpín, pim, pim, pim, pim,

Rebola o pai, rebola a nai, rebola a filla,
e eu como son da familia tamén quero rebolar

Pirimpimpín, pim, pim, pim, pim,

Rebola…

Pirimpimpín, pim, pim, pim, pim,
(C.L.M. / V.C.G.)

QUEN TEÑA VIÑO

Quen teña viño, quen teña viño,
quen teña viño que me dea un pouquiño.
Quen non o teña, quen non o teña,
que vaia rápido coller unha botella.
(Repetir)

Auga que non has de beber, déixaa…
Auga que non has de beber, déixaa…
auga que non has de beber,
déixaa correr, déixaa correr.
(Repetir)
(C.L.M. / V.C.G.)

XOTA DE LANGUEIRÓN

María, miña María,
ti es a miña beleza,
ti es a miña alegría
cando non teño tristeza
cando non teño tristeza
ai la la la
ai la lá

Ai, Sariña, Sara,
túa nai marchou
para Buenos Aires,
e non te levou,
e non te levou,
e non te levou.
Ai, Sariña, Sara,
túa nai marchou.

Escribín e non firmei-e.
Escribín e non firmei-e.
Vai unha carta sen firma,
vai un cariño sin lei-e.
Ai, ai, ai,
que ti has de ser
el primer amor
de mi bien querer.

Aquí vin, aquí cheguei,
aquí me mandaron vir-e;
ahí tienes mi corazón
se lo quieres recibir-e

-Ai amor, amor,
que traes aí?
-Traio unha laranxa
para darte a ti.

Heime de subir ao alto,
desde o alto vexo ben-e;
tamén vexo os meus amores
se se enredan con alghen-e.
ai la le la ai le la la
ai la le la ai le la la

Anque o pandeiro é viudo,
as ferreñas son casadas;
anque o pandeiro é viudo
lévano ás foliadas.

Moito miras para min-e,
seique me queres comer-e.
Non son molete, nin broa
nin o viño para beber-e.

E vaite de aí,
xa podes marchar,
que eu na miña vida
che volvo a falar.

ai le la le la
ai le la le la
ai le la le le la
ai le la le la
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

AMORES E DESAMORES

A cinta de namorar-e
a cinta namoradeira,
a cinta de namorar-e
tráiocha na faltriqueira.
(D.G.I.)

Agora que me puxeches
a barriguiña redonda,
has de te casar comigo
ou hasme volver a honra.
(D.G.I.)

Agora que vén a noite
vén a miña alegría
para ver o meu amor
que non o vin polo día.
(I.M)

Ai, amor, amor,
teño cento e un,
pero que me guste
non teño ningún.
(L.R./ M.G. /L.P)

Ai, amor, xa podes marchar,
que na túa vida
che volvo a falar.
(J.J.V. / C. P.)

Ai, Deus, que che rifan na casa
porque parolas comigo.
Deixa, que dese traballo
eu te librarei se vivo.
(D.G.I.)

Algún día por te ver
abrín a porta da ieira.
Agora por non te ver
cérroa ben de carreira.
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

Amoriños, amorotes
hainos na beira do río
Xa me cago nos amores
e mais en quen os pario.
(C. L. / A. L. / O. P.)

-Amor meu, chegas tarde,
tés que durmir ao sereno.
-Abre a porta, rapaza,
eu ben sei que tarde veño.
(C. L. / A. L. / O. P.)

Aparta, loureiro verde,
deixa clarear a lúa.
Se non vexo os meus amores,
non vexo cousa ningunha.
(D.G.I.)

A raíz do toxo verde
é moi mala de arrancare.
Os amoríos primeiros,
son moi malos de olvidare.
(D.G.I.)

A rula que enviuvou
non verei máis casada,
nin pousada en rama verde
nin beber en auga clara.
(D.G.I.)

A señora vai na misa,
o señor vai no sermón.
Á señora cáelle a saia,
ao señor cáelle o calzón.
(D.G.I.)

Ben te vin entrar na misa
ben te vin arrodillar,
e do gusto de te ver
non me puiden prisinar.
(D.G.I.)

Cinco xostilliños teño
de diferentes colores.
Cinco amores tamén
para escoller os millores.
(D.G.I.)

Debaixo da oliveira
nin chove nin cae orballo.
Amor, se queres ser meu
non me des moito traballo.
(J.J.V. / C. P.)

Desde onde estou
vexo as areas do mar.
Tamén vexo os meus amores
e non lles podo falar.
(L.R./ M.G. /L.P)

Durmo sola na cama
porque non teño marido.
Cando me pican as pulgas
do outro lado me viro.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

E bailan o tango
e maila muiñeira.
Ás de aló de riba,
non hai quen as queira.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

-Esas túas mans brancas,
todas cubertas de anillos,
son as que me fan andar-e
de noite polos camiños.

-Eu non teño mans brancas
nin tampouco traio anillos,
nin son que che faigo andar-e
de noite polos camiños.
(D.G.I.)

Es bonita máis ben
es bonita máis ben
eras amigo das nenas
como os bois do almacén
(I.M)

Esta noite e mais a outra
e mais a outra pasada,
abalei unha pedra
que nunca fora abalada.
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

Esta noite hei de ir alá,
rapaza non teñas medo.
Como son home de paz,
non poñas o tarabelo.
(D.G.I.)

Esta noite hei de ir alá,
rapaza non teñas medo.
Déixame a porta atrancada
cunha palla de centeo.

Se tivera unha laranxa,
contigo a compartiría,
pero como non a teño,
hai que dar a despedida
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

Eu a ti quéroche ben,
regaliño dos meus ollos;
eu a ti quéroche ben,
non lle quero así a todos.
(I.M)

Eu casar casaría,
eu casar casaría,
se a vida de casada
fose como a do primeiro día.
(I.M)

Eu caseime por un ano
por saber que vida era.
O ano foise acabando,
quen solteiriño me dera!
(M.L. / M.N. / D. R.)

Eu pedinllo a unha rapaza
vindo do val de Viveiro.
Eu pedinllo no camiño
e ela deumo no carreiro.
(D.G.I.)

Eu queríame casar,
miña nai, non teño roupa.
Casa, miña filla, casa;
unha perna tapa a outra.
(M.L. / M.N. / D. R.)

María ten boas pernas,
que llas vin no corredor.
Non vin pernas coma elas
na filla dun labrador.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

Marmuradiña sereie,
marmuradiña sereie.
Na punta dos meus zapados
na miña vida andeie.

ai la le la la
ai la le la
la le la la

Eu non quero amores
que non van bailar-e
que vai para a taberna
vaise emborrachar-e

Vaise emborrachar-e
e deixalo ir-e
e marcha para a cama
déitase a durmir-e

A tocar a pandeireta
e maila pandeiretiña,
gañei un pano de seda
que me deu miña madriña

ai la le la le la
ai la le la le la
ai la le la le la
ai la le la le la

O que non canta nin baila,
a que vai á foliada?
Aprendere catro mentiras,
para contar pola semana

É que telo, telo
e non o queres dar-e
e despois de vello
halo de rifar-e.
halo de rifar-e
halo de rifar-e
e que telo, telo,
e non o queres dar-e.
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

Meniña, se non cumprín
co amor que me tiveche,
dáme os bicos que che din,
devólvoche os que me deche.
(D.G.I.)

Meu amor éche pequeno,
nunca tan pequeno fora:
cunha vara de burele
fíxenlle calzón e gorra.
(D.G.I.)

Miña nai por me casar
e meu pai por darme o dote
armaron un zafarrancho
e rompéronlle os pés ao pote.
(M. O. D.)

Miña nai por me casar
e meu pai por darme o dote
formaron unha porfía,
rompéronlle as patas ao pote.
(D.G.I.)

Miña nai por me casare
ofreceume o cu dun pote,
e agora que me casei
doume con el no cocote.
(C.F.T.)

Miña nai por me casar
ofreceume tres ovellas:
unha coxa, outra cega,
outra que non tiña orellas,
outra que non tiña orellas
ai a la la
ai a la la

-Por que choras, miña prenda?
-Como non hei chorare?
Pasou por min o meu mozo
e non me quixo falare.
(D.G.I.)

Miña nai por me casar
prometeume canto tiña.
Agora que me casei,
pagoume cunha galiña.
(L.R./ M.G. /L.P)

Miña nai por me casar
prometeume unha becerra.
Agora que me casei,
díxome que morrera.
(L.R./ M.G. /L.P)

-Nena que vendes as peras,
cantas che mandaron dare?
-Para ti, meu queridiño,
non mas mandaron contare.
(D.G.I.)

Non choro por pai nin nai
nin pola irmá máis vella.
Choro pola pastorciña
que anda co gando na serra.
(D.G.I.)

Non digas que non atopas
unha nena que che agrade.
As rapaciñas bonitas,
onde están logo se sabe.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

Non me tires con pedriñas
nin con onzas recortadas.
Xa sabes que non te quero,
non me sigas as pisadas.
(D.G.I.)

O meu amor desta noite
quedou de vir e non veu.
Montou no ferrocarril,
marchou para Montevideo.
(J.C.L.)

O meu amor é Antón;
o meu amor é Antón.
Vai no viño no Ribeiro,
non sei se virá, se non.
(M.L. / M.N. / D. R.)

O meu amor vai na guerra,
Deus o aparte das balas,
para que poida cumprir
as palabras que ten dadas.
(J.J.V. / C. P.)

Os amores dalgún día
o que eu quería era velos,
agora, que tanto me dá
amalos que querelos.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

O sol anda peneirando
coa súa peneiriña.
Tamén eu quedo penando
por culpa de ti, meniña.
(D.G.I.)

Paxariño balandrán,
non me comas as cereixas.
Vai meu amor en Castilla,
non teño a quen dar as queixas.
(D.G.I.)

Quero ben a escopeta
que é miña encubridora.
Di que veño das lebres,
veño de ver a señora.
(D.G.I.)

Quen me dera unha nai
anque fora dunha silva,
anque a silva picara
sempre eu era a súa filla
sempre eu era a súa filla

ai a la la ai a la la
ai a la la ai a la la
ai a la la ai a la la
ai a la la ai a la la
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

Secan as herbas nos campos
e volven enverdecere
así fan os amores vellos
cando se volven a vere.
(D.G.I.)

Teño tres cartos e medio
metidos nun tabaqueiro.
Cásate comigo nena
que teño moito diñeiro
(D.G.I.)

Unha mañá por te ver,
abrín portas e ventanas,
Hoxe por te non ver
todas as teño cerradas.
(D.G.I.)

Vente comigo, Rosiña,
deixa quedar a roseira.
Durmirás na miña cama,
serás a miña compañeira.
(D.G.I.)

ARROLOS E CANTOS DE BERCE

Ai, María Manuela,
corpo delicado,
ven ver o neno
que che está chorando.
Chóralle o neno,
chóralle o neno
a María Manuela.
Coas bágoas nos ollos,
quedouse durmido.
Durme, que che preste,
meu caraveliño.
Chóralle o neno
a María Manuela,
corpo delicado.
(D.G.I.)

Á miña nena pequena,
pequeniña coma un rato,
heina de levar ao muíño
e métoa nun burato.
(D.G.I.)

A miña nena pequena,
quen a ha de abalar?
A mama vai no muíño,
o papa vaina buscar.

A miña nena pequena
heina de ensinar a todo:
a correr, a peneirar,
a botar o pan no forno.

A miña nena pequena,
quen lle ha da dar a teta?
A mama vai no muíño,
o papa na herba seca.
(L.R./ M.G. /L.P)

Anda, paxariño,
anda despaciño,
por ver se se queda
durmido o neniño.
(D.G.I.)

-Aquel paxariño eran tan lindiño,
viña de Valencia, da beira do río.
-E como lle chaman?
-Chámanlle Pepiño
-Ai, que rico nome ten o paxariño!
(D.G.I.)

Cala, meu neniño, cala
quen che ha de dar a teta?
Túa nai vai no muíño,
e teu pai na herba seca.
(J.J.V. / C. P.)

Durme ben, durme ben, meu rolo
que non hai berce como o colo,
que non hai berce como o colo,
durme ben, durme ben, meu rolo.
(D.G.I.)

Durme meu neniño,
que teño que ir ao nabal,
a buscar unhas nabizas
e tamén me falta sal.
(D.G.I.)

Eh, neniño, eh.
Eh, neniño, eh.
O papá vai na vila
e ha de traer café.
(M.L. / M.N. / D. R.)

Este neno quere durmir,
soniño non lle quer vir.
Ven, soniño, ven por aquel buratiño.
Ven, soniño, ven e adormenta o meniño.
(D.G.I.)

Este neno ten soniño,
ten ganiñas de durmir.
Ten un olliño pechado
e o outro xa non pode abrir.
(D.G.I.)

Este neno ten sono
ten ganas de durmir.
Un ollo xa o ten pechado
e o outro non o pode abrir.
(C.F.T.)

Durme meu neniño,
que aí vén o raposo,
e vaite levar
se te pós tan fastidioso.
(D.P..)

Esta nena ten sono,
ten sono e mais non dorme.
Dúrmete, miña filla,
ou vaite levar un home.
(D.P.)

Meu neniño pequeno,
pequeniño como un rato.
Heino levar ao muíño,
heino meter nun burato.
(M.L. / M.N. / D. R.)

Meu pequeniño,
quen che ha de dar a teta?
Teu pai foi ao muíño,
Túa nai na herba seca.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

Miña neniña é aguda,
coma ela outra non hai:
aínda non ten un ano,
e xa fala con súa nai.
(D.P.)

O meu neno está no berce,
quen lle vai dar as papas?
Súa nai está na vila
e súa nai foise coas vacas.
(D.G.I.)

O meu neno pequeniño,
heino de ensinar a todo:
a bailar, a peneirar,
a meter o pan no forno.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

O rorro, mi niño, ro,
cunha tranquiña no cu.
Morrerannos os vellos todos,
quedaremos eu e tu.
(D.G.I.)

Ron, niño, ron
que che doe o corazón;
e a túa nai é polvoreta,
non che quere dar a teta;
e o teu pai é gabián,
non che quere dar o pan.
(D.G.I.)

Teño un neno pequeno,
pequeniño como un rato.
Heino de levar ao muíño
e deixalo nun burato
(J.J.V. / C. P.)

CERCEDA, PARROQUIAS E ARREDORES

As mociñas de Rodís,
non é unha que son todas,
poñen tres pares de medias
para facer as pernas gordas.
(L.R./ M.G. /L.P)

As mozas de Queixas,
na beira do tren,
quérense casar
e non teñen con quen.
(L.R./ M.G. /L.P)

As nenas das Encrobas
ben se poden alabar.
Teñen o señor campaneiro
vestido de militar.
(C. L. / A. L. / O. P.)

Asubioume unha pega,
asubioume un paxaro.
Asubioume unha pega
no campo de san Amaro.
(L.R./ M.G. /L.P)

Coma as de Cerceda non hai,
coma as de Cerceda non hai.
Pasean por onde queren,
abusan de cantos hai.
(L.R./ M.G. /L.P)

En Belir hai boas nenas,
en Buzarelos gana delas
e no Brazal caravillas para cancelas.
(L.R./ M.G. /L.P)

En Ordes hai boas mozas,
en Santa Uxía, flor delas,
nas Capelas, señoritas
e en Mangüeiro tarabelas.
(D.G.I.)

Hei de entrar en Cerceda
anque me poñan cancelas,
e pase todo o día
abrindo e cerrando nelas.
(B.B.V.)

Na entrada de Belir
hai un loureiro plantado,
que o casaron as mozas
para casar de contado.
(L.R./ M.G. /L.P)

San Román das Encrobas
ten o camarín de pedra.
Tamén o podía ter
de outro ou de prata, se quixera.
(C. L. / A. L. / O. P.)

CREGOS, IGREXA E SANTOS

Á igrexa non vou
porque estou coxo
pero a taberna vou
pouquiño a pouco.
(J.J.V. / C. P.)

Do San Andrés,
mandáronme tres peras
nun ramalliño
Estimaba de saber
quen me ten tanto cariño.
(J.J.V. / C. P.)

-Miña Santa Margarida,
que lle ha dar aos arrumeiros?
-Auguiña da miña fonte
e a sombra dos meus bidueiros.
(M.L. / M.N. / D. R.)

Nenas do pelo pequeno,
acudide o voso cura,
que caeu do campanario
entre o medio da verdura.
(D.G.I.)

Nosa señora da Barca
mais a de Tubiáns,
teñen a cara redonda
e parecen dúas irmáns.
(J.J.V. / C. P.)

O crego e maila criada
ordenaron de cocer.
Tiñan a leña no monte
e a fariña por moer.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

O crego e maila criada
ordenaron de cocer.
Tiña a leña no monte
e a fariña sen moer.
(M.O.D.)

O crego e maila criada
ordenaron unha festa.
Peneiraron na fariña
ao abrigo dunha xesta
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

O crego foi ao muíño
e caeu da ponte embaixo.
Acudida ao crego, nenas!,
que vai polo río abaixo.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

O cura chamoume Rosa
eu tamén lle respondín:
desta rosa, Señor cura,
non a ten no seu xardín.
(C.R.A.)

O cura de Barandóns
ten as cirolas rachadas,
que llas racharon as silvas
de andar detrás das criadas.
(J.J.V. / C. P.)

O cura desta parroquia
non é cura nin Señor,
que se deitou coa criada
debaixo do cubritor.
(C.R.A.)

O cura maila criada
foron aos carabulliños;
a criada caeu de cú,
e o cura de fociños.
(C.R.A.)

O cura mais a criada
terminaron unha festa,
amasaron a fariña
ao abrigo dunha xesta.
(C. L. / A. L. / O. P.)

O cura que me casou,
tamén me puido velar.
Se me peta na cabeza,
eu vólvome casar.
(C. L. / A. L. / O. P.)

O cura ten un paxaro,
non sei que paxaro é:
alá pola media noite,
ponse o paxaro en pé.
(D.G.I.)

O cura vendeu a burra
por non lle dar a cebada.
Agora vai dicir misa
dacabalo da criada.
(M.L. / M.N. / D. R.) e (D.G.I.)

O cura vendeu a burra
por non lle dar a cebada.
Agora vai aos enterros
á cabalo da criada.
(C. L. / A. L. / O. P.)

San Antoniño pequeno
anda no monte co gando.
A vixe de Pastoriza
ándallo arracadando.
(J.J.V. / C. P.)

San Paio de Vilacoba
ten uns zapatiños brancos.
As nenas de Vilaboa
vanllos ver os días santos.
(J.J.V. / C. P.)

Santa María de Celas
ten os zapatiños brancos.
Santo Estevo de Pareo
vaillos ver os días Santos.
(C.R.A.)

Señor cura da parroquia,
eu a doutrina non lla sei.
Dígame unha cantiga,
que eu lla repenicarei.
(J.J.V. / C. P.)

DESAFÍOS

-Xa están xuntas as mociñas.
Nós viñemos xa decote
para botarlle un desafío
inda sexa toda a noite.

-Velaí están os rapaces,
xa escomezades as morriñas?
Indes fuxir coma os porcos
cas orellas moi baixiñas.

-As mozas deste lugar
teñen moita fantasía
cando saben que hai noivos
que lle fan a regalía.

-Fantasías non as temos
nin can que nos ladre á porta,
pero a vos non vos queremos
nin para espantallos na horta.

-Tampouco temos cobiza,
rapazas, polo de hoxe
hainas máis agarimosas
sen vir por acó tan lonxe.

-Pois aquí nada vos chama
nin falta que facedes, mozos.
Mala fada para onde vindes,
non dá a terra máis que toxos.

-Ben quixerades, mociñas,
estar sempre nas nosas beiras.
Sairía froito abondo
ao sementar as vosas veigas.

-Non precisarmos máis gando
para semente de tal sorte.
Temos as xuntas dos bois
e non cabedes na corte.

-Mozas, xa non damos creto
no que di voso cantar,
facendo moza dos homes
e rabiando por casar.

-Para casar cuns larpeiros
non nos criou nosa nai.
Inde lavar as carrañas
que boa falta vos fai.

-Decide se nos queredes
ou fuxide xa de aquí.
Vinde mañá, río a adiante
e esperade sen saír.

Ímonos para os nosos lares
que xa sae o día.
Deixamos os desafíos
cando son de mocería.
(D.G.I.)

-Sal á ventana, Marica,
se te queres asomar.
Esa cariña de rosa
quero volver a mirar.

-Márchate de aí, Antón,
non me veñas tentar,
que se me asomo á ventana
ha de ser para te insultar.

-Heiche axustar unhas contas,
contas heiche de axustar.
Vente para acá, queridiña,
que os dous temos que falar.

-Con permiso dos meus pais,
da miña señora tía,
estimara de saber
antonte para que viñas.

-A que veño ben o sabes,
eu che direi a verdá:
veño por pasar a noite
que é cousa de mocedá.

-Queridiño, ben falache.
Queridiño, ben dixeche.
Se non sabes o camiño,
volve por onde viñeche.

-O camiño ben o sei,
ben o vexo dende aquí.
Solo quería levar
unha rosa que hai aquí.

-Esta rosa que ti ves
asomadiña á ventana,
non te ha de querer a ti
porque non lle dá a gana.

-A min non me interesa nada
mulleres me han de sobrar.
Os amores que me negas
moitas mos quixeron dar.

-Márchate que xa non quero
contigo parrafear,
que se canto outras coplas
non mas sabes contestar.

-Cala, Mariquiña, cala
e non me fagas falar:
se me cantas unhas copliñas
logo te fago falar.
(D.G.I.)

DESPREZOS

A muller de meu irmán
chamoume cara lavada.
Pásache o río pola porta
lávate, miña cuñada.
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

A muller do meu irmán
chamoume cara lavada.
Pásate o río pola porta
e lávate miña cuñada.
(C. L. / A. L. / O. P.)

Aínda que regañes os dentes
como o ferreiro martelos,
risa de min non a fas
aínda que te leven os demos
(I.M)

-Andivecheste alabando
Que te querían os mozos,
Quen te vai querer a ti,
Sacho de ceibar os pozos

-Cala ti sapo pequeno
Que maña hei de cocer.
Se non teño varredoiro
contigo hei de varrer.
(B.B.V.)

Arriba laranxa,
arriba limón.
As mozas de agora
véndense ao patacón
(M.L. / M.N. / D. R.)

Arriba pandeiro roto,
abaixo manta mollada.
Onde chegan as mulleres,
os homes non valen nada.
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

As mociñas de hoxe en día
todas son unhas viletas:
por unha copa de caña
deixan apalpar as tetas.
(I.M)

Buscando un amigo
a miña vida pasei.
Morro de vello
e non o encontrei,
(J.J.V. / C. P.)

Dixéchesme que me deixaras
porque teu pai era moi rico.
A riqueza de teu pai,
lévaa o corvo no pico.
(C.R.A.)

-E se ti non o tes
e teu pai non cho dá,
e de onde che sal?
-Do trailará.
(D.G.I.)

Eu aquí non canto máis
eu aquí nunca cantei,
por ser a primeira vez
non sei como salirei.
(C.R.A.)

Eu caseime para montaña
porque había moito pan.
O forno de miña sogra
bota fieitos no verán
(C.R.A.)

Fachendosa. remenda o refaixo
que o tes tendido por riba e por baixo,
que o tes rendido por debaixo e por riba,
fachendosa remenda a mantilla.
(D.G.I.)

Heiche regalar un pano,
unha saia e un mandil,
e unha cara máis bonita
para que mires para min.
(D.G.I.)

Manuel ,Manueliño
perniñas de carabullo,
andas enganando as nenas
de noite polo escuro.
(C.R.A.)

Mari Pepa ten un neno
entre as tellas do tellado.
O neno de Maripepa
cando chove está mollado.
(J.J.V. / C. P.)

-Maruxiña, dáme un bico
que che he de dar un pataco.
-Non quero bicos dos homes
que cheiran a tabaco.
(D.G.I.)

Miña nai díxome así,
miña nai díxome así:
non fagas caso, rapaza,
de quen non o fai de ti
(M.L. / M.N. / D. R.)

Mira para min ao dreito,
mira para min ao dreito,
que che quero preguntar
o mal que che teño feito.
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

Moito de prezas, guapiño
da túa bonitura.
Hacha de comer a terra
debaixo da sepultura.
(D.G.I.)

Na pereira canta o cuco;
no carballo, a bubela;
na pereira un paxariño,
e un borracho na taberna.
(C. L. / A. L. / O. P.)

Nena que estás na ventana
cas puntas do pano fóra,
recólleas para dentro
que o pano non me namora.
(D.G.I.)

Pos o sombreiro de lado
para que che vexa o pelo.
Nin por eso eres bon mozo
nin has de casar máis cedo.
(D.G.I.)

Olvidáchesme por pobre,
tiveches xusta razón:
amor pobre e limón verde
sirven cando hai ocasión.
(D.G.I.)

O paxaro cando canta
mete o rabo na silveira.
Así tamén fan os homes
cando non hai quen os queira.
(C. L. / A. L. / O. P.)

O río cando vai cheo
leva carballos e follas.
Tamén podía levar
as lenguas marmuladoras.
(C. L. / A. L. / O. P.), (L.R.O.) e (D.G.I.)

Os de Lesta son uns tolos,
que xa o dixo santa Ana.
Lévanlle os burros ao adro
para tocar a campana.
(J.J.V. / C. P.)

Os mociños de hoxe
teñen moita pillaría
onde lle dan a bicada
xa non volven outro día
(I.M)

Os solteiros valen ouro,
os casados valen prata,
os viuvos, calderilla
e os vellos folla de lata.
(D.G.I.)

Pasei pola túa porta,
pedinche auga e non ma deches.
Cando ti pases pola miña
farei como me fixeches.
(C. L. / A. L. / O. P.)

Quedaches de vir ás nove,
viñeches ás nove e media.
Non sabes que é pecado
enganar a unha morena?
(C. L. / A. L. / O. P.)

Quedaches en vir ás sete,
viñeches ás sete e media.
Esas non che son palabras
dunha rapaza solteira.
(D.G.I.)

Que nos bicamos os dous
andas dicindo ás rapazas.
Antes de bicarte a ti
bícolle o corno a unha vaca.
(D.G.I.)

Rapaciña do meu tempo,
chámasme a min rapás!
Durme unha noite comigo,
xa mañá mo dirás.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

Teño unha herba na horta
que rabea polo pé.
Tamén has de rabear
por dicir o que non é.
(C. L. / A. L. / O. P.)

Vaite de aí Pedro Chosco,
non me enredes a criada,
nin ma calzas, nin ma vistes,
nin lle pagas a xornada.
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

Vaite lavar ao pilón,
vaite lavar ao pilón,
Aínda que laves e relaves,
es negriño de nación
(I.M) e (I.M.P.)

Van dicindo por aí
que teu pai é moi rico.
A riqueza de teu pai
lévaa un corvo no pico.
(C. L. / A. L. / O. P.)

Xa non te quero por miña cuñada,
xa non te quero, que non vales nada,
que non vales nada, que non vales nada,
xa non te quero por miña cuñada.
(D.G.I.)

ENTROIDO

Adeus Martes de Entroido,
eren un valente tuno:
tres días de boa vida,
sete semanas de aúno.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

O Entroido é un larpeiro
e mais é un fillo poblre.
Cada un na súa casa
gobérnase como pode.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

FESTAS

A festiña acabouse
imos todos para o lugar,
que mañá é día solto
e temos que traballar.
(D.G.I.)

As rapaciñas de agora,
non é unha, que son todas,
poñen tres pares de medias
para facer as pernas gordas.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

As rapazas de Mondoi
levan o nome con elas,
pois non hai polas Mariñas
bailadoras coma elas.
(D.G.I.)

Canta ti, cantarei eu,
iremos os dous cantando,
cante quen tiver amores
que os meus vánseme acabando.
(D.G.I.)

Esta gaitiña que toco
é de coiro dunha ovella.
Onte pacía no prado
e hoxe toca que rabea
(L.R.O.)

Este pandeiro que toco
é de coiro dunha ovella.
Onte pacía nas brañas
e hoxe toca que rabea.
(C. L. / A. L. / O. P.)

Este pandeiro que toco,
este que teño na man,
era de coiro de ovella
da muller de meu irmán
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

Este pandeiro que toco
non é meu que é de Pilara
que mo deixou este día
que estabamos de foliada
(I.M) e (I.M.P.)

Esa que anda no baile
carascio que baila ben:
é capaz de dar a volta
no rabo dunha sartén.
(D.G.I.)

Eu cantar, cantaba ben,
a gracia non era moita.
Quedoume no lavadoiro
cando fun lavar a roupa.
(I.M), (M.L. / M.N. / D. R.) e (J.C.L.)

Galeguiños, vide axiña,
repinicar as campanas,
afinar as flautas dulces,
pínfanos, tambor e gaitas.
(D.G.I.)

Non che canto por cantar,
nin por gana que che teña,
canto por dar alegría
a un corazón que ten pena.
(D.G.I.)

O outro dia de reices
Día de San Xulián.
As mociñas de Poulo,
Que riquiña festa fan
(B.B.V.)

Sei cantar, sei bailar,
sei achegar os bois ao carro;
achégate cabo min
e fumaremos un cigarro.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

Xa non ten ferreñas,
ferreñas non ten.
xa non ten ferreñas
e mais toca ben.
(C. L. / A. L. / O. P.)

MULLERES

Eu caseime cunha vella
porque tiña moito gando.
O gando foime morrendo,
e a vella foi quedando.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

Como chove miudiño,
como se espeta no chan-e.
Así baila dereitiño
a muller de meu irman-e.
(D.G.I.)

María recría,
muller de Cambón,
as pernas cagadas
e o cu cheirón.
(L.R./ M.G. /L.P)

María ten sete saias.
As sete lle quedan ben.
No medio das sete saias,
pasa a máquina do tren.
(L.R./ M.G. /L.P)

Miña nai, cando me reñe,
peta co pé no sobrado.
Dime que non quere xenro,
pero eu xa o teño buscado.
(C. L. / A. L. / O. P.)

Miña nai cando me reñe,
peta co pé no sobrado.
Ela di que non quere xenro,
eu xa llo teño buscado.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

Miña nai e maila túa
foron xuntas á romaría.
A miña nai viña borracha
e a túa xa non se tiña.
(C. L. / A. L. / O. P.)

Miña nai era unha pobre,
crioume na boa vida.
Se vén a morte e me mata
miña nai queda perdida.
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

Miña nai, miña naiciña,
coma ela non vin outra.
Lávame a miña camisa
no medio da súa roupa.
(L.R./ M.G. /L.P)

Miña sogra morreu onte
e enterreina no palleiro.
Deixeille unha man fóra
para tocar o pandeiro.
(L.R./ M.G. /L.P)

Miña sogra morreu onte,
enterreina no valado.
Cando paso por alí,
chóscolle o ollo de lado.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

O paxaro cando chove
mete o rabo na silveira.
Así fai a boa moza
cando non ten que a queira.
(C.F.T.)

Sogra e nora,
e can e gato
non comen ben
nun mesmo prato.
(J.J.V. / C. P.)

Unha silva me picou,
ela no camiño queda.
Nunca muller me enganou
que non me vingara dela.
(D.G.I.)

Unha vella da Mariña,
dun peido matou un polo.
Se non acoden a tempo
mata galiñas e todo.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

Unha vella dixo a outra
polo pexigo da porta
"Vaite de aí
que a miña vida nada che importa"
(C. L. / A. L. / O. P.)

Unha vella dille a outra
polo buratiño da porta:
Ti métete na túa vida
que a miña nada te importa.
(I.M)

NADAL

Ai!, divina estrela,
ai!, divina luz:
amostraeme a cara
do neno Xesús!
(D.G.I.)

A señora desta casa
e mailo dono tamén,
déanolo aguinaldo
por esta filla que ten.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

Á doniña desta casa
moi ben lle queda a chaqueta.
Moito mellor lle quedaba
se nos dera unha peseta.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

As festiñas de Nadal
son festiñas de alegría;
que en ellas nació un rei
hijo de la Virgen María.
(M.L. / M.N. / D. R.)

Esta noite é Noiteboa,
noite de grande alegría.
Camiñando vai Xosé,
camiñando vai María.

Camiñando vai Xosé,
camiñando vai María,
válgame nosa señora
e a claridade do día.
(D.G.I.)

OFICIOS

Costureira non a quero.
Tecelá xa ma dan.
Teñen as pernas pequenas
de estar a carón do chan.
(D.G.I.)

Costureiriña bonita,
dáme unha agulla de prata,
para quitar unha espiña
do corazón que me mata.
(T.S.R.)

-Costureiriña bonita,
onde tés a túa cama?
-No poleiro das galiñas,
nunha presiña de palla.
(C. L. / A. L. / O. P.) e (D.G.I.)

Na miña vida vin tal cousa
na feira de Monterroso:
vinte e cinco xastres xuntos
dacabalo dun raposo.
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

Non a queiro costureira,
que a quero tecelana;
ergue un pé e baixa o outro,
dá moi ben durmir na cama.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

Non me cases cun ferreiro
que é moi malo de lavar.
Cásame cun mariñeiro
que vén lavado do mar.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

Non te cases con ferreiro
que te comen as muxicas.
Cásate con carpinteiro
que che fai cousas bonitas.
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

Non te namores, meniña,
do canteiro que ben canta,
que é a fariña da pedra
que se lle pon na garganta.
(D.G.I.)

O canteiro pica, pica,
pica na pedra miúda,
pica na muller allea,
outro lle pica na súa.
(I.M)

O mariñeiro traballa
de noite coa luz da lúa.
Dá gusto velo chegar
pola mañá cheirando a frescura.
(T.S.R.)

Os canteiros de Pontevedra
pican na pedra miúda,
pican na muller allea,
outros lle pican a súa.
(M.L. / M.N. / D. R.)

Pica, pedreiriño, pica,
pica na pedra miúda,
pica na muller allea
que outro picará na túa.
(D.G.I.)

Se te namoras, rapaza,
algún día do arrieiro,
pon firmeza no querere
que el sempre o fará primeiro.
(D.G.I.)

Son canteiro, son canteiro
e tamén son albañil,
e tamén son carpinteiro.
Xa bo foi o que aprendín.
(D.G.I.)

VIDA COTIÁ

-Ábreme a porta, Maruxa,
se non vou polo portelo.
-Non che podo abrir a porta
que non atopo o tarabelo.
(D.G.I)

Adeus ríos, adeus fontes,
adeus lavadoiros de lavar;
adeus, casa de meus pais,
onde os deixo quedar.
(M.L. / M.N. / D. R.)

Agora que foi e foi,
nena non teñas pesar.
Agora que foi e foi,
Deus o ha de remediar.
(D.G.I.)

Ai, que neno máis bonito,
que cariña tan salgada!
Ai, que neno tan bonito
vimos naquela montaña!
(D.G.I)

A miña galiña branca
hóuboma comer o coco.
Dou tres voltas no aire,
tócalle o pito Farruco.
(T.S.R.)

A miña galiña branca
tróuxena de Paradela.
Un galo da miña sogra
no misal de riba dela
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

Anque che son das Mariñas,
das Mariñas de Betanzos,
anque che son das Mariñas
non che vendo garabanzos.
(D.G.I.)

Anque veño da seitura,
anque veño da segada,
anque veño da seitura,
índa non veño cansada.
(D.G.I.)

A vida que leva o pobre
é como a vida do grilo,
polo día moita fame
e pola noite moito frío.
(L.R.O.)

Cando vou ao muíño,
eu ben lle sei o tempero:
cando está alto, baixalo,
cando está baixo, erguelo.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

Carriño que cando cantas
é cando levas máis peso,
moita carta levar debe
o meu corazón cantareiro.
(D.G.I.)

Condenado de paxaro,
onde vai facer o niño:
nunha gavela de toxo
do Simón de Vilariño.
(D.G.I.)

De mañá en oito días
hei regar a miña roza.
Rego arriba, rego abaixo,
torna branca, torna roxa.
(D.G.I.)
De quen é aquela roupa
que está colgada na ventana?
É de Pepiña de Vázquez
que está facendo na cama.
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)

Este é o son da sega,
este é o son de segar.
Este é o son da sega
que cantan no meu lugar.
(D.G.I.)

Eu ben vin estar o cuco
no bico dun abeneiro,
cunha subela na man
aprendendo a zapateiro.
(T.S.R.)

Eu pídolle o leite á vaca,
a vaca pídeme herba,
herbiña lle pido ao prado,
e o prado pídeme rega.
(D.G.I.)

Indo pola fonte abaixo
fiando na miña roca,
veu un paxaro trigueiro
cagoume na mazaroca.
(D.G.I.)

Lévame no carro, lévame,
carreteiriño das uvas.
Lévame, no carro, lévame,
comerei das máis maduras.
(D.G.I.)

María, se vas ao ría lavar,
ten conta da roupa que a podes rachar.
Por debaixo da ponte víronte pasar,
As pernas, María, viñan de lavar.
(M.O.D.)

Miña cuñadiña nova
meu irmán é moi pequeno,
se queres que medre ben,
dálle o desaúno cedo.
(D.G.I.)

Miña nai e máis a túa
Quedaban no río berrando,
Por culpa dunha galiña
Que ten amores co galo.
(B.B.V.)

Na miña vida tal vin,
na parroquia de Bardáns:
unha cadela con pitos
e unha galiña con cans.
(J.J.V. / C. P.)

Na horta de Xesuscrito,
ai, miña nai, que regalo:
aquel que vive do seu
moito vive descansado.
(D.G.I.)

Nena que gardas o gando,
has pechar ben o portelo,
que o meu becerro ladrón é,
non che brinque no lameiro.
(D.G.I.)

O carballo da portela
abanea e non cae.
Así fai a miña nena
que se guía por seu pai.
(I.M)

O carballo da Portela
ten a folla revirada,
que lla revirou o vento
unha mañán de xiada.
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.) e (T.S.R.)

O tempo das esfollas
non dá proveito a ninguén.
Mandei a muller a unha
e esfolláronma tamén.
(D.G.I.)

Pasei a Ponte Pinguela
Paseina nunha carreira.
Tireille un tiro a unha lebre,
E matei unha Pouleira
(B.B.V.)

Pasei polo rigueiriño,
escurrín e botei un peido,
pillade nenas castañas
que caen do castiñeiro.
(C.R.A.)

Polo río abaixo
ía un xurelo.
Levantou o rabo
e tiña o cu amarelo.
(C. L. / A. L. / O. P.)

Paxaro que vas voando
por encima dese convento,
lévalle á profesora
esta carta que está dentro.
(J.J.V. / C. P.)

Pola mañán chocolate,
á noite café con leite,
mexoume o home na cama
non teño onde me deite.
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

Polo río abaixo
vai unha formiga,
cunha man no cu
e outra na barriga.
(L.R./ M.G. /L.P)

Polo río abaixo
vai unha sartén.
Se levase ovos,
ía eu tamén.
(L.R./ M.G. /L.P)

Reprende o teu galo, María,
que o tes moi mal enseñado,
que me vén todas as noites
durmir ao meu sobrado.
(J.J.V. / C. P.)

Se queres que o carro cante,
móllalle o eixo no río.
Despois do eixo mollado,
canta como un asubío.
(L.V. / M.F. / D.P./ A.L.)

Se queres que o carro cante (BIS)
bótalle o eixo de freixo.
Se queres que o amor veña (BIS)
dálle talladas de queixo.
(C.F.T.)

Tamén a folla de millo
amosa ter picardía:
garda o orballo pola noite
para bebelo polo día.
(D.G.I.)

Teño pena e alegría,
teño dous malos e un tempo:
cando a pena me mata
a alegría dáme alento.
(J.J.V. / C. P.)

Teño unha galiña braca
que trouxen de Paradela.
O seu galiño, comadre,
non sae detrás dela.
(J.J.V. / C. P.)

Unha noite e mais a outra
e mais a outra pasada,
abalei unha peneira
que non estaba abalada.
(D.G.I.)

Vexo Vigo, vexo Vigo
tamén vexo Redondela,
vexo a Ponte de Sampaio,
camiño da miña terra.
(D.G.I.)

Vou por aquí abaixo,
arrimada a un pau de buxo.
Pregúntalle a María
se a galiña branca puxo.
(J.J.V. / C. P.)

XOGOS

Entrar, entrar,
saír sen tocar
(R.B. / J.C. / R. F. / R.G.)