O Concello de Cerceda xa traballa na posible instalación de varios puntos de recarga para vehículos eléctricos nos lindes municipais. Poderían ser ata tres os puntos que a Administración local poña a disposición da veciñanza e das e dos visitantes que acudan ó municipio cercedense.
A fórmula empregada sería unha concesión demanial a 12 anos, na que o Concello cedería os terreos e a empresa gañadora do concurso público se faría cargo da colocación dos tótems, a infraestrutura eléctrica e a conseguinte explotación, mantemento e xestión destes puntos. Puntuarase o despregue técnico e percibirase un investimento por canon e porcentaxe de facturación para as arcas públicas.
Contémplanse tanto elementos de carga rápida como de carga semi rápida, que van desde os 23 kW ós 100 kW. O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, observa nesta iniciativa “outro paso adiante cara impulsar o aforro enerxético, logo das moitas iniciativas que temos levado a cabo desde o Concello, como por exemplo, a creación das sendas peonís e ciclables, a renovación do alumeado público ou as melloras nas instalacións como o Museo do Moucho ou no Centro Social de Xesteda”.
O rexedor avanza que “estamos continuamente pensando na Cerceda do futuro. Traballamos nunha fórmula que sexa sostible para a Administración local e ao mesmo tempo, interesante para as compañías”.