Artigos

Axudas individuais para atencións de carácter biopsicosocial a menores anualidade 2024

O Concello de Cerceda acaba de aprobar unha liña de axudas individuais para atender a menores con trastorno do desenvolvemento ou que se atopen en situación de risco de padecelos.

Estas axudas están destinadas a favorecer a súa autonomía persoal mediante a concesión dun cheque para o cofinanciamento dos gastos de atención biopsicosocial e/ou terapética, así como o desprazamento a centros de atención biopsicosocial e/ou terapéutico públicos, a fin de garantirlle a máxima integración e a mellora do seu benestar e participación na vida comunitaria.

Dita subvención outorgará ata 300 euros anuais para atencións psicosociais e/ou terapéuticos e 75 euros anuais para desprazamentos de asistencia e tratamentos terapéuticos da rede pública.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 31 de outubro. Ademais, esta axuda será compatible con calquera outra establecida por outras administracións.

Tras o anuncio, a concelleira de Servizos Sociais, Catrina Queijo, destacou que “tras analizar a realidade do noso municipio, vemos necesario estar ao carón deses pais e nais que teñen que facer fronte a gastos sobrevidos para que as súas crianzas poidan recibir unha atención terapéutica e biopsicosocial e que teñan unha mellor
calidade de vida”.

As persoas interesadas poderán informarse no departamento de Servizos Sociais do Concello de Cerceda. As bases para solicitar esta subvención poden atoparse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do día 16 de maio, que se pode consultar na ligazón que se insire a continuación.

>>> Ver ou descargar documento completo (BOP 95 16/05/2024; PDF)