Instalacións ambientais

A conciencia ambiental constrúese coa educación e a divulgación dos valores da natureza e da súa conservación. Cerceda conta con varias alternativas para espallar estes valores entre a cidadanía, unhas alternativas que combinan aprendizaxe e lecer dunha maneira lúdica e apta para todas as idades.

O ECOMUSEO

EcomuseoVisitar este museo interactivo serve para obter unha ollada de conxunto sobre a realidade e a diversidade cercedenses. O Ecomuseo descobre e interpreta, tanto para a poboación local como para os visitantes, o medio natural, a historia, a economía e a sociedade do municipio.

O primeiro andar constitúe unha aproximación á xeografía e ao contorno natural de Cerceda. Unha maqueta de Cerceda permite coñecer a fisionomía do territorio, que se complementa a continuación cos paneis sobre os distintos tipos de ecosistemas. Cada un deles ten a súa fauna e flora características.

Neste mesmo andar atópase tamén a sala dedicada á historia de Cerceda, que contén un destacado lugar destinado á emigración, fenómeno de grande importancia na vila. E tamén hai espazo para outros temas, como os restos históricos e monumentos, ou a artesanía e os oficios tradicionais.

No segundo andar, distintos paneis achegan o visitante a un dos episodios esenciais da historia de Cerceda, a Revolta das Encrobas. Os paneis restantes aproxímanse á realidade socioeconómica do municipio, reflectindo a pegada da industria, a agricultura e a gandería. Distintos apartados recollen os produtos máis comúns da zona, así como as explotacións forestais que máis abundan.

O XARDÍN BOTÁNICO

Xardín BotánicoO Xardín Botánico atópase no Acevedo, na rúa da II República. Linda polo nordeste co río Cabancos, que o separa da parcela onde se localiza o Aquapark. Sobre este río construíronse catro pontes de madeira que comunican ambas as parcelas. A superficie aproximada da parcela destinada ao xardín é de 33.500 metros cadrados, cunha pendente media do 5%.

As árbores do xardín divídense en cinco grupos:

  • Coníferas españolas (10 especies)
  • Frondosas españolas (10 especies)
  • Árbores autóctonas de Galicia (8 especies)
  • Especies exóticas aclimatadas (8 especies)
  • Árbores pequenas e arbustos (50 especies)

Cada un destes grupos ten un lugar delimitado dentro do parque, a excepción das árbores pequenas e os arbustos. Estas especies non se limitarán a un espazo definido para el. Plantáronse arbustos ornamentais ou singulares á beira dos carreiros, mentres que as árbores se dispoñen de maneira que se teña acceso a elas desde os camiños, favorecendo unha contemplación cómoda.

Toda a superficie da parcela queda cuberta de céspede, para así acadar unha maior protección contra a erosión e unha superficie utilizable para o paseo e o recreo dos visitantes. É céspede resistente ás pegadas, composto nun 70% por Fetusca arundinacea e nun 30% por Lolium perenne-Ray-grass inglés.

A AULA DA NATUREZA

Aula da NaturezaA Aula da Natureza de Cerceda encádrase no entorno do río Cabancos, integrada no espazo natural conformado polo paseo fluvial e o Xardín Botánico. Trátase dun equipamento de educación ambiental aberto durante todo o ano, en que se pode atopar información sobre os distintos itinerarios e actividades para realizar no contorno de Cerceda, así como explicacións sobre os valores naturais e patrimoniais da zona.

Os grupos organizados (centros escolares, asociacións, concellos, etc...) que desexen participar nas actividades educativas da Aula da Natureza deberán concertar a visita previamente.