Sanidade

En Cerceda, a limpeza de espazos públicos é xestionada polo propio Concello con traballadores municipais. Ademais de se dedicar ao mantemento das instalacións municipais e das zonas urbanas, o servizo de limpeza abrangue tamén as tarefas de mantemento das abondosas zonas verdes e naturais espalladas polas seis parroquias do municipio.


Para manter o seu compromiso coas esixencias sanitarias, o Concello conta cun abano adaptado de instalacións e servizos. A depuración das augas de uso e de baño, a hixiene dos espazos públicos, a limpeza de terreos e a recollida de animais son obxectivos fundamentais da Área de Medio Ambiente e Sanidade.

Saneamento municipal

O saneamento municipal conta con dúas estacións depuradoras de augas residuais (de 1.000 e 700 habitantes equivalentes, respectivamente), así como varias depuradoras compactas en distintos núcleos illados dentro do concello.

Estase a proxectar unha gran EDAR que asuma as augas residuais industriais que se producen nos polígonos do noso concello. Nun futuro próximo, este proxecto ha asumir tamén as augas residuais urbanas das ampliacións da rede de saneamento.

Hixiene das instalacións

O Concello conta cun alto número de instalacións para manter, algunhas das cales obrigan a un traballo especialmente esixente. Tal é o caso das instalacións acuáticas, en que a limpeza está regulada polo Decreto 103/2005, do 6 de maio, polo que se establece a regulamentación técnico-sanitaria de piscinas de uso colectivo.

Estas instalacións están sometidas a distintas analíticas para velar pola calidade da auga de baño. As analíticas almacénanse nas propias instalacións e figuran ademais no libro de rexistro da Área de Medio Ambiente e Sanidade do Concello.

Limpeza de terreos

Un dos obxectivos do Concello de Cerceda é que os terreos do noso municipio se atopen en condicións aceptables. O marco legal que regula a limpeza destes terreos queda fixado no artigo 9.b da Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Este artigo establece que os propietarios de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións deberán mantelos en condicións de funcionalidade, seguranza, salubridade, ornato público e habitabilidade de acordo co seu destino, e con arranxo ás normas de protección do medio ambiente, do patrimonio histórico e da rehabilitación.

Servizo de lazaría

O servizo de lazaría do Concello leva recollendo desde 2006 unha media de 36 animais cada ano. Relacionada con este servizo existe a Ordenanza municipal reguladora da posesión e custodia de animais de compañía.

Ademais de establecer as correspondentes sancións ás malas prácticas como o maltrato ou o abandono, esta ordenanza intentar concienciar á cidadanía da necesidade de dispensar aos animais un trato sempre digno.