Noticias

 

Cerceda, 2 de agosto de 2022 – O Concello de Cerceda iniciou os traballos de renovación do colector de saneamento do núcleo de Cerceda ao seu paso pola rúa mesón.

Preténdese actuar en 49 metros da rede e previa execución das gabias instalarase unha nova canalización con tubaxe de PVC de 400 milímetros de diámetro, e tres pozos de rexistro.

Executaranse tamén oito acometidas domiciliarias mediante enlace colector, arqueta de saneamento e tubaxe de PVC. Estes traballos completaranse coa reposición do pavimento afectado de formigón reforzado e aglomerado.

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, sinala que “as intervencións en materia de saneamento son fundamentais, xa que garanten a prestación dun servizo prioritario para a veciñanza”, e neste sentido, recalca que “a nosa idea é realizar estas tarefas alí onde sexa necesario para garantir o benestar das persoas de Cerceda”.

O Concello de Cerceda convoca as axudas a través de incentivos á contratación temporal por conta allea para facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas participantes no Obradoiro de Emprego Cerceda- Tordoia- Trazo III.

Aquelas empresas ou autónomos con centros de traballo nos concellos de Cerceda Tordoia ou Trazo, que teñan interese en contatar un traballador ou traballadora das especialidades de “Montaxe e reparación de sistema microinformáticos” (IFCT0309) ou “Actividades auxiliares en mellora e conservación de montes” (AGAR0309), poderán beneficiarse desta axuda de 1.500 euros, sempre que o contrato sexa por un mínimo de tres meses.

Subvenciónanse tres contratacións, e o prazo de presentación de solicitudes vai dende o 27/06/2022 ata o 08/07/ 2022.

 

Ver ou descargar Bases BOP

Ver ou descargar solicitude (pdf)

Ver ou descargar xustificación (pdf)

Cerceda, 15  de xuño de 2022 – Comezan as obras da nova rede de saneamento de case 400 metros na rúa Acevedo, que complementa as xa iniciadas na Picota, en Xesteda, e as da rúa Mesón. As tres actuacións suman un investimento de 47.000 euros e que rematarán este mesmo verán. A actuación está financiada en parte polo POS UNICO da Deputación Provincial da Coruña. O alcalde Juan Manuel Rodríguez, asegura que todas estas actuacións de saneamento enmárcanse nas múltiples actuacións que puxo en marcha o Goberno local para  mellorar o este servizo básico en todo o termo municipal. De feito, o Concello licitou varias obras de este tipo nos últimos meses que perseguen o mesmo obxectivo.

Na rúa Acevedo prolongarase a rede de saneamento existente cunha execución de 360 metros de canalización en tubaxe e tamén se contempla a instalación de 7 pozos de rexistro. Tamén se levará a cabo a posta a cota dunha lousa de formigón existente para cruce dun rego, co fin de permitir o paso da nova canalización de saneamento. As obras complétanse coa reposición do pavimento afectado.

No caso da rede de saneamento de Xesteda ata o núcleo de A Picota, obra xa iniciada, está prevista a execución de 274 metros de canalización en tubaxe, previa execución das gabias, e a instalación de 7 pozos de rexistro. As obras complétanse coas reposicións dos pavimentos afectados.

E, por último,  renovarase  o colector de saneamento da rúa Mesón nun  treito de 49 metros da rede saneamento deste o núcleo de Cerceda ó seu paso pola rúa Mesón. A actuación contempla a execución  de oito acometidas domiciliarias mediante enlace colector, arqueta de saneamento e tubaxe. Estas obras complétanse coa reposición do pavimento afectado.

 

Cerceda, 7 de xuño de 2022 – O Concello de Cerceda licita as obras de mellora de varios camiños municipais; Xermar á zona de eólicos,  Portobrea a Ponte Areosa, e Virís; a ampliación de saneamento na Silva; e o acondicionamento cuneta zona campo da Xesteda. As obras, financiadas a cargo do POS da Deputación contan con un orzamento de preto de 100.000 euros.

En concreto, a actuación permitirá arranxar o camiño de Xermar á zona Eólicos nun tramo de 650 metros e coa apertura de gabias e a colocación de taxeas de formigón para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal. No caso da mellora do camiño Portobrea ata Ponte Areosa as obras dividiranse en dous tramos que incluirán a mellora da capa de rodaxe cunha nova superficie de rodaxe e un reforzo no drenaxe así como como o pintado de marcas viais para sinalización. En Viris, renovarase todo o firme ao longo de 900 metros de lonxitude e novas gabias para mellorar o drenaxe.

Por outra banda, ampliarase dentro desta actuación a rede saneamento na zona da Silva coa canalización de augas residuais de case 400 metros de tubaxe e a reposición do pavimento integral no mesmo espazo.

Canto ao acondicionamento da cuneta na zona do campo da Xesteda a intención é facela transitable cunha capa de formigón previa demolición do pavimento existente.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, sinala que se trata de obras demandadas pola veciñanza que “melloran a seguridade viaria e os servizos básicos, fundamentais para o benestar do noso Concello”, apuntou.

Cerceda, 14  de xuño de 2022 – Hoxe tivo lugar a entrega do Premio “Recíclate con Sogama” 2021-2022,  que ten por obxectivo divulgar a oportunidade que representa para o medio ambiente transformar os residuos en recursos. Nesta ocasión os alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro da Silva recibiron o terceiro premio, dotado co 700 euros polo seu deseño orixinal sobre a concienciación da reciclaxe como ferramenta fundamental para protexer o medio ambiente.

 O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, acompañado da concelleira Cristina Capelán, asistiron a entrega de premios e destacaron o compromiso dos alumnos e alumnas do CEIP Celso Emilio Ferreiro co medio ambiente. “Quixera agradecer a Sogama a convocatoria destes premios e felicitar aos alumnas e alumnos da Silva e ao propio centro educativo polo seu traballo en defensa do noso medio ambiente”, asegurou o primeiro edil. Os alumnos recibiron o premio de mans do propio  presidente de Sogama, Javier Domínguez.

O proxecto dos alumnos e alumnas da Silva contaba con imaxes deles mesmos suxeitando residuos que tiñan que ser reciclados e convidando á sociedade a activar os seus sentidos a tomar conciencia da realidade e “pasar á acción para gañar a loita ao cambio climático. Baixo o lema: “Non deixes que os residuos bloqueen os teus sentidos: observa, escoita, reivinda, móvete. Segrega!”, os estudantes de Cerceda acadaron un premio moi merecido.

Sogama destacou o nivel das propostas deste ano canto a súa creatividade, orixinalidade e a mensaxe medioambiental que transmite e que logrou un impacto positivo de concienciación da poboación sobre a necesidade da reciclaxe.

Cerceda, 6  de xuño de 2022 – O Concello de Cerceda vén de licitar unha actuación de mellora de seguridade viaria que contempla o arranxo do pavimento en cinco vías municipais e un total de dous quilómetros de lonxitude. O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, sinalou que unha das prioridades do seu goberno é dotar de maior seguridade viaria a todo o concello, tanto para peóns como para vehículos. “Seguimos investindo en seguridade viaria, seguimos conectando as nosas parroquias e seguimos mellorando a mobilidade en Cerceda”, apuntou. As obras contemplan melloras nos sistemas viarios de acceso ao Viveiro de Empresas, Francelos, Virís-Touril, Boedo á Ponte e Tilleiro a Londoño.

As obras permitirán actuar no pavimento deteriorado que presenta o sistema viario de acceso ao Viveiro de Empresas , de 200 metros de lonxitude e, por outra banda, a construción dunha beirarrúa  por unha das marxes da estrada dotando a este acceso de maior seguridade para os peóns. Na mesma liña, as obras prevén a mellora do vial en Francelos cun fresado de 600 metros cadrados e a demolición de 300 metros cadrados de pavimento, superficies sobre as cales se executará un novo firme que se completará coa substitución da barreira de seguridade existente.

Mellorarase tamén o Camiño Virís- Touril, cunha lonxitude total de 600 metros. Preténdese a mellora da superficie de rodaxe e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas.

Asemade, o camiño de Boedo á Ponte, cunha lonxitude de 500 metros, atópase dentro dos camiños a renovar. Renovarase o asfalto coa instalación de novas gabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, así como como o pintado de marcas viais para sinalización horizontal.

 

E, por último, actuarase nos accesos desde Telleiro a Londoño ata túnel ferrocarril. Unha conexión viaria de 650 metros de lonxitude e catro metros de ancho cun novo rego de selado a toda a plataforma. Finalmente contémplase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias e a colocación de 6 metros de taxea de formigón para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal.

 

O prazo para executar as obras unha vez estean adxudicadas é de seis meses-

 

 

 

O alcalde visita o inicio das obras en Xesteda

Cerceda, 31 de maio de 2022 – O Concello de Cerceda comeza a reforma do interior do edificio municipal que se atopa preto da área recreativa de Xesteda para convertilo nun Centro Social e Cultural, nun proxecto que pretende dinamizar a parroquia, dando servizo e actividade á súa poboación cunha instalación acorde ás necesidades demandadas pola veciñanza.

O obxectivo do goberno local e que o inmoble acolla actividades de todo tipo, e para todas as idades, de diversa índole como culturais, educativas, lúdicas e asociativas, xa que actualmente esta parroquia non conta con ningún local destas características.

Así, actuarase no acceso cara o primeiro andar desde o exterior polo baixo, así como un espazo fóra que servirá como aparcadoiro. No que se refire o interior, adecuaranse os espazos referentes o vestíbulo de acceso, o aseo da planta baixa, o almacén da planta baixa, o vestíbulo e o aseo da primeira planta e as dúas salas multiusos do primeiro andar.

Tamén se executarán todos os acabados interiores, en tarima de madeira laminada nas salas multiusos do primeiro andar, e en gres cerámico nos restantes espazos. Colocaranse elementos de illamento térmico nas fachadas. Realizarase unha renovación total da carpintaría e executaranse as instalacións de fontanaría, saneamento, baixa tensión e alumeado.

O alcalde, Juan Rodríguez, acudiu hoxe ao comezo dunhas obras “coas que queremos dinamizar a vida asociativa, cultural e lúdica no noso municipio”, apuntou.

O goberno local contacta coa inspección educativa territorial para mellorar a xestión das escolas de Cerceda

 O goberno local contacta coa inspección educativa territorial para mellorar a xestión das escolas de Cerceda, en prol dunha solución o máis vantaxosa posible para todas as persoas afectadas. As concelleiras Catrina Queijo e Cristina Capelán trasladáronlle as demandas da comunidade educativa o xefe territorial, Indalecio Cabana. Tras varias conversas entre o Concello e a Xunta de Galicia, definirase a área de influencia de maneira equitativa, quedando do seguinte xeito: o CPI O Cruce acollerá o alumnado que curse Educación Infantil e Primaria das parroquias de Cerceda, Meirama e as Encrobas. O CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro, paralelamente, acollerá á rapazada de Educación Infantil e Primaria das parroquias de Rodís, Xesteda e Queixas. 

Disporase, con todo, dos mesmos servizos complementarios, comedor de transporte, aínda que de momento tan só lle afectaría ás novas matrículas. A edila responsable de Educación, Cristina Capelán,  comenta que “estamos agardando concrecións por parte da entidade autonómica para poder definir claramente a estratexia que seguiremos de cara un novo curso escolar”, comentou. 

O Concello de Cerceda participará no programa de CAMPAMENTOS DEPORTIVOS DO VERÁN DEPUTACIÓN DA CORUÑA 2022.

Para participar neste programa desfrutarán de 5 días con aloxamento e manutención, na residencia que ten a Deputación da Coruña no I.E.S. Rosalía Mera, onde os/as participantes poderán desfrutar dunha ampla variedade de actividades deportivas.

A quenda Concello de Cerceda é a 2ª (do 3 ao 8 de xullo).

 Nº de prazas: 5. (Prioridade os que nunca asistiron á campaña de verán).

 Poden participar: nenos/as empadroados/as no concello de Cerceda e nados entre o 1 de xaneiro do 2008 e o 31 de decembro do 2013.

 Cota de inscrición: 85 €

 Prazo de inscrición: do 13 de abril ao 20 de maio.

 Máis información: 981 68 50 36 ou 981 68 50 01 (Ext.8)

 

Ver ou descargar tríptico e ficha de inscrición

 

190422 campamentos

 

 

O Concello de Cerceda vén de mellorar a seguridade viaria coa instalación de elementos de sinalizción vertical e horizontal en varios puntos do municipio. As principais actuacións leváronse a cabo no Polígono Industrial e na contorna do campo de fútbol de O Roxo, aínda que tamén se advertiu da necesidade de colocar sinaléctica noutros lugares de especial sensibilidade, a informe da Policía Local.

Así, en tanto en canto á sinalización vertical no Polígono Industrial, instaláronse dúas sinais led de STOP en aluminio; dúas unidades de sinais de “ceda o paso” e substituíronse dous pasos de peóns que se atopaban en mal estado.

No que respecta á sinalización horizontal, ca finalidade de mellorar a seguridade da circulación e advertir aos condutores de que se están aproximando a un lugar no que é aconsellable a diminución da velocidade e un incremento na atención, instaláronse oito bandas transversais resaltadas, dous “STOP” e pintáronse varios cebreados para ter maior visibilidade.

Na contorna do campo de fútbol de O Roxo, colocouse un sinal de calzada sin saída e dous “STOP”. Destas últimas, tamén se pintaron varias no chan. O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, sinala que “son actuacións moi importantes, e temos que recalcar as actuacións no Polígono Industrial, xa que se teñen reportado varios accidentes na zona próxima o Viveiro de Empresas, e con estas intervencións incrementamos as condicións de seguridade de traballadoras, traballadores e toda as persoas que acuden a esta zona”, nunha intervención que contaba “cunha ampla demanda e á que demos resposta”, sentencia o rexedor.

Páxina 9 de 31