Noticias
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ven de comunicar en relación a obra de substitución de cuberta no CPI Plurilingüe O Cruce, que a data prevista para o inicio dos traballos é a primeira quincena do mes de abril.
Mantense como zona tampón a parroquia das Encrobas (San Román), no concello de Cerceda.
RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2026, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se actualizan as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena da Tecia solanivora Povolny, ou couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia.
O Concello de Cerceda puxo en marcha o proxecto Sendeiro peonil e ciclista entre Ribasoutas e Xermar na AC 400 (Concello de Cerceda) ao abeiro da convocatoria que regula a concesión directa de axudas para investimentos en proxectos locais singulares de enerxía limpa en concellos con desafíos demográficos (PROGRAMA DUS 5000), no marco do Programa de Rexeneración e Desafío Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia .../...

Esta semana producirse unha reunión entre o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, persoal técnico do Concello e representantes da empresa Coventina Renovables. Na mesma, a empresa achegou, no prazo de 6 meses, tal e como tiña comprometido, o anteproxecto de abastecemento de auga á urbanización de Monte Xalo.
Trátase dunha obra que ascendería a día de hoxe a 219.273,94€ máis IVE, unha cifra que será integramente sufragada pola empresa no caso de que o proxecto da central hidroeléctrica de bombeo reversible vexa a luz.
O destino do aproveitamento é o abastecemento da poboación, cun caudal de auga de 12,5 litros por segundo, 45m³/h, con 8 horas de bombeo ao día. O volume máximo anual será de 43.200m³, cunhas augas que se derivarán da balsa superior da central hidroeléctrica, procedentes á súa vez do lago das Encrobas. A solución adoptada ten en conta, ademais, un posible incremento da poboación no futuro.
O citado documento describe as obras que conforman o novo abastecemento de auga á urbanización Monte Xalo coa definición necesaria para abordar o seguinte trámite: solicitar a concesión de augas para o abastecemento á poboación, segundo o regulamento do Dominio Público Hidráulico.
A actuación enmárcase nun convenio entre a empresa e o Concello de Cerceda que tamén fai fincapé en compromisos en favor da formación, do emprego local e solucións de autoconsumo para o consistorio.
O alcalde sostivo que "esta obtención é fiel a unha filosofía de equilibrio e progreso sempre presente na nosa acción política. Os proxectos enerxéticos, dentro do cumprimento en materia medioambiental e urbanística, son unha oportunidade de retorno fiscal, emprego e, en definitiva, potenciación do interese público. É unha filosofía que abandeiramos con determinación"
Segundo a empresa, “esta é unha das primeiras iniciativas que prevé desenvolver na zona, reafirmando o seu compromiso coa mellora do entorno e coa xeración dun impacto positivo na comunidade”.
O Concello de Cerceda vén de anunciar o inicio do proceso para rehabilitar a antiga escola unitaria de Meirama, un edificio histórico que deixou de ter uso educativo. Co obxectivo de devolvelo á vida comunitaria e garantir a súa conservación, o goberno local aposta por transformalo nun local social funcional, sostible e adaptado ás necesidades da veciñanza.
O proxecto concíbese como unha actuación integral, que incorpora a mellora da envolvente térmica, a renovación dos sistemas de climatización e a modernización da iluminación. O investimento total ascende a 90.482,41 euros, unha aposta do Concello pola rehabilitación de infraestruturas municipais e pola mellora da eficiencia enerxética. Está enmarcado no plan de rehabilitación de espazos públicos parroquiais ampliado desde o anterior mandato.
As obras previstas inclúen a renovación completa da cuberta con tella nova, a instalación dun sistema de illamento térmico exterior, a colocación dunha bomba de calor aire-aire, a substitución da iluminación existente por tecnoloxía LED e a incorporación dun sistema de monitorización que permitirá un control eficiente do consumo eléctrico. Con estas actuacións, o edificio alcanzará os estándares actuais de confort e sustentabilidade, garantindo o seu uso social. Con estas actuacións, o Concello estima que a redución do consumo de enerxía se reducirá un 25%, así como diminuirá un 30% as emisións de CO2.
O elevado ritmo inversor municipal fai que todas as parroquias se beneficien de melloras de camiños, saneamento ou infraestruturas deportivas.
Ademais de infraestruturas básicas, tamén se contemplan proxectos puntuais como a ampliación da Escola Infantil Municipal, que terá unha nova aula grazas a un investimento de máis de 180.000 euros.
As infraestruturas deportivas levan boa parte do total deste lote de investimentos, pois prevense actuacións no Outeiro, no campo de Rodís e no complexo do Roxo.
O Concello de Cerceda está a desenvolver un amplo programa de obras e melloras que abrangue
todas as parroquias do municipio, cunha planificación que combina actuacións en servizos básicos, infraestruturas viarias, equipamentos deportivos e recursos educativos. Trátase dun esforzo inversor que supera os 1,88 millóns de euros e que materializa o compromiso municipal cunha modernización continua do territorio, garantindo que cada núcleo veciñal conte con mellores condicións de vida e servizos máis eficientes.
Cada proxecto —que neste momento están en execución, recentemente rematadas ou que están nos últimos trámites de contratación — responde a necesidades detectadas no día a día e avanza na liña dun concello cohesionado, ben comunicado e dotado de instalacións modernas e sostibles.
Entre as actuacións executadas e previstas destaca o proxecto de accesos a Abelleira e Boedo (Queixas) e a mellora das pluviais no Brazal de Abaixo, cun investimento global de 127.283,62 euros, que abrangue labores de pavimentación, instalación dunha nova rede de abastecemento, execución dun muro de contención e melloras no sistema de recollida de augas pluviais.
No ámbito da mobilidade rural, o Plan Camiña Rural 2025–2026 permitirá a mellora da pista de Campo Xesteda ao cruce da Brea e doutros camiños en Xesteda, cun investimento total de 82.567,98 euros, destinado a reforzar firmes, acondicionar marxes e asegurar unha circulación máis cómoda para residentes e vehículos agrícolas.
Nesta mesma liña trabállase tamén na ampliación e mellora dun importante acceso ao núcleo urbano de Cerceda, como é o caso de Sobredafonte, cun importe de 102.077,23 euros, que inclúe
movementos de terra, melloras estruturais, novos sistemas de drenaxe e reposicións de pavimento. Pola súa banda, o proxecto de mellora do camiño das Encrobas, a pista de Piñeiro a Sandián (Rodís) e o muro de Picardel (Meirama) -xa contratado para o próximo inicio- supón un investimento conxunto de 38.013,67 euros, destinado á pavimentación, á mellora da drenaxe e á execución dunha nova estrutura de contención.
Tamén se inclúe o proxecto de abastecemento en Vilamarta (Rodís), cun investimento de 34.119,91 euros, que permitirá renovar a rede de distribución de auga potable mediante nova canalización, instalación de válvulas e reposición de pavimentos.
A ampliación da Escola Infantil Municipal supón outro dos proxectos destacados, cun investimento de 183.358,87 euros, orientado a crear unha nova aula de 1-2 anos e mellorar a funcionalidade do centro, dando resposta á demanda crecente de prazas e reforzando os servizos educativos municipais.
O ámbito deportivo tamén concentra unha parte moi relevante do esforzo inversor. No campo de fútbol do Outeiro, prevese a instalación de novas gradas cubertas con vestiarios, almacén, cantina e aseos, cun investimento de 496.818,58 euros, modernizando por completo este equipamento. Ademais, no campo de Rodís, un recinto fundamental para a formación de fútbol do
Concello, executarase unha ampliación e mellora integral do terreo de xogo, cun importe de 184.548,68 euros, mentres que no complexo deportivo do Roxo vaise acometer a substitución total do céspede artificial, cun investimento de 312.781,94 euros, co obxectivo de ofrecer unha superficie máis segura, sostible e de mellor calidade para clubs, xogadores e usuarios.No conxunto do termo municipal tamén se están executando outras melloras viarias como as actuacións na pista da Capela a Parada -contratada desde este pasado xoves-, o acceso a Coence, o camiño a Lavandeiras e o ramal da avenida da Coruña, que supoñen un investimento de 46.674,47 euros, centrado no reforzo da capa de rodaxe e na mellora da drenaxe. A estas intervencións súmanse as obras de pluviais en Sandián (Rodís) -contratadas recentemente-, as
melloras en Cova das Andes, Vilarvello e a rúa da Gardería, cun investimento total de 73.884,78 euros, dirixido a reforzar infraestruturas hidráulicas, mellorar firmes e optimizar a seguridade
viaria. Ademais, a nova depuradora de Meirama e o saneamento en Ribasoutas están xa en execución contan cun investimento conxunto de 201.266,67 euros, que permitirá avanzar no tratamento de augas residuais e na eficiencia ambiental dos sistemas de saneamento municipal.
O Concello de Cerceda mantén así un ritmo de actuacións intenso e constante, cunha planificación que garante que cada parroquia reciba investimentos e melloras estruturais, reflectindo unha visión de crecemento equilibrado e sostible. Este conxunto de intervencións
confirma o compromiso municipal cun territorio máis moderno, accesible e preparado para afrontar os desafíos futuros, reforzando a calidade de vida da veciñanza e consolidando o avance continuo de Cerceda como un concello dinámico e en permanente evolución.
O Concello de Cerceda celebra a excelente acollida do seu programa municipal de actividades culturais, deportivas e de envellecemento activo para o curso 2025-2026, que suma xa un total de 1.187 persoas inscritas. A cifra supón un novo fito na participación veciñal, consolidando a Cerceda como un concello comprometido coa promoción da vida activa, saudable e comunitaria.
A ampla oferta municipal, que inclúe disciplinas deportivas como fútbol, ximnasia rítmica, patinaxe ou judo; propostas de benestar como ioga, pilates ou zumba; e actividades culturais e de envellecemento activo como inglés, manuais, costura ou cociña, volveu demostrar a súa capacidade para atraer a públicos de todas as idades. A diversidade das propostas e a súa distribución ao longo da semana permiten adaptar horarios e intereses, facilitando a participación e contribuíndo á creación de hábitos saudables e ao fortalecemento do tecido social.
Desde o Concello destacan que esta elevada inscrición representa case unha cuarta parte da poboación censada, un indicador claro do impacto positivo destas iniciativas. Engaden ademais que o éxito de participación reafirma o compromiso municipal por seguir ampliando e mellorando a oferta, garantindo que Cerceda continúe sendo un referente en dinamización social, deportiva e cultural.
Co inicio das actividades, que foron visitadas por diferentes membros do goberno local, coma o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, ou os concelleiros Cristina Capelán, Óscar Golán ou Catrina Queijo. O goberno municipal agradece a confianza e implicación da veciñanza e reafirma a súa vontade de seguir traballando por un concello activo, participativo e cheo de vida.
O Concello de Cerceda informa da comunicación recibida da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia sobre a adopción de medidas preventivas fronte ao aumento do risco de influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP).
Segundo indicacións do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a partir do 10 de novembro entran en vigor medidas especiais nos concellos incluídos nas Zonas de Especial Risco (ZER) e Zonas de Especial Vixilancia (ZEV), establecidas pola Orde APA/2442/2006.
O Concello de Cerceda está incluído na zona ZER, xunto cos concellos de Ordes e Tordoia, debido ao incremento do risco pola presenza do virus da influenza aviaria en aves silvestres e de curral en Europa e España.
As principais medidas establecidas pola Consellería son as seguintes:
* Prohíbese a cría de aves de curral ao aire libre, salvo se se instalan sistemas que impidan o contacto con aves silvestres.
* Non se poden criar patos, ocas ou gansos con outras especies de aves de curral.
* Non se permite o uso de aves como reclamo en actividades cinexéticas.
* Non se poderá empregar auga procedente de depósitos aos que teñan acceso aves silvestres, salvo tratamento previo que garanta a inactivación do virus.
* Queda prohibida a presenza de aves de curral ou ornamentais en feiras, exposicións e outros eventos, agás autorización expresa da autoridade competente.
Estas medidas son de aplicación obrigatoria en todo tipo de explotacións avícolas —industriais, artesanais ou familiares de autoconsumo— co obxectivo de previr o contacto entre aves domésticas e silvestres.
O virus H5N1, responsable desta alerta, presenta unha alta mortalidade entre as aves, aínda que o seu potencial de transmisión ás persoas é moi baixo. A Consellería recomenda non tocar aves enfermas ou mortas e avisar de inmediato aos servizos veterinarios oficiais en caso de atopar exemplares nestas condicións.
O Concello de Cerceda solicita a máxima colaboración da veciñanza para cumprir estas medidas e contribuir á protección da saúde animal e pública
Convocatoria subvencións municipais deportivas, culturais, ANPAS e deportistas 2025
Por xunta de goberno local de data 22 de outubro de 2025, aprobouse a convocatoria de subvencións municipais a deportistas, entidades culturais, deportivas e ANPAS para a realización de actividades.
Ver documento de bases - BOP 207 29/10/2025 (pdf)
SOLICITUDE DE SUBVENCIÓNS PARA ACTIVIDADES CULTURAIS E DEPEPORTIVAS E ANPAS (pdf)
SOLICITUDE DE SUBVENCIÓNS PARA ACTIVIDADES CULTURAIS, DEPORTIVAS E DEPORTISTAS (pdf)
XUSTIFICACIÓN DA SUBVENCIÓN PARA ACTIVIDADES CULTURAIS E DEPORTIVAS

A Deputación da Coruña no seu programa dirixido a concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia da Coruña para a realización e actividades de promoción económica durante o ano 2024 contribuiu a financiación da tradicional Festa do Cochiño do noso concello, cunha subvención de 24.101,16 euros.


